Un de cada vinte adolescentes sofre un transtorno de conducta alimentaria e hoxe é a terceira causa de enfermidade crónica en idades xóvenes o que ademáis de provocar graves problemas de saúde é unha causa das causas de suicidio. Por iso dende o Colexio de Farmacéuticos de Ourense baixo o reclamo "é compromiso de todos detectalo" presentaban unha campaña informativa que pretende aproveitar a proximidade que as farmacias teñen cas familias, para tentar detectar e previr casos que logo poidan derivarse para ser tratados por especialistas.
Fernando Gil, vocal de alimentación do Colexio de farmacéuticos de Ourense sinalaba a "preocupación" polo aumento de casos e aseguraba que os farmacéuticos son persoas "formadas e preparadas" para axudar nesta campaña que percorrerá a comunidade en colaboración coa Asociación de Prevención e Axuda aos transtornos da conducta alimentaria (CIOR GALICIA). A sua presidenta Luz Cid lembraba que "non se trata dun simple problema coa comida para querer estar delgados", senon que se trata "dun problema de saúde mental pouco recoñecido e comprendido que deben visibilizarse" e no que as farmacias poden xogar un papel importante para que pais e nais poidan recoñecelo e actuar, dado que require abordalo cunha atención psicolóxica. Para Luz Cid os TCA son "unha válvula de escape" de traumas ou problemas que agochan as persoas "por acoso, abusos sexuais, problemas familiares, mortes de seres queridos ou problemas laborais" entroutros.
Dende CIOR Galicia lembran que sen España hai detectados uns 400.000 casos dos que 300000 están diagnosticados en idades de entre 12 e 24 anos pero tamén se deron casos en nenos de 8 e 9 anos e mesmo un caso en Ourense dunha menor de 2 anos a raíz dun dano provocado por unha proba gástrica que se manifestou nunha anorexia.
A campaña de prevención de transtornos da conducta alimentaria que realizarán as farmacias estará respaldada por videos que se difundirán tamén nas redes sociais ás que tamén pretenden facer fronte porque nelas tamén se orixinan moitas informacións que inflúen negativamente nas persoas. Neste contexto alertan tamén que anque os problemas máis frecuentes coma a "anorexia ou bulimia" afectan a mulleres, 2 de cada 10 casos prodúcense en homes con casos de "vigorexia" que poden verse nos ximnasios ou nas propias redes sociais. Por iso o presidente do Colexio de Farmacéuticos ourensáns, Santiago Leyes considera importante "atender a estas novas realidades sociais e educativas" para facer a abordaxe desta problemática de saúde que os boticarios queren enfocar principalmente aos máis xóvenes.
Dende CIOR Galicia tamén piden ás autoridades sanitarias abordar esta enfermidade mental con recursos equiparandoa ao nivel de atención que teñen os problemas de drogadicción "se non é con iniciativa pública dende o SERGAS porque non pode, pois que sexa con centros privados na liña de atención terapéutica do Proxecto Home".