Manuel Baltar destaca a Ourense como “a gran despensa de Galicia"
O presidente da Deputación de Ourense participou hoxe en Expourense na inauguración da 21ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico afirmando que con Xantar “Ourense é a capital do turismo gastronómico"
Óscar Gómez
Ourense | 06.02.2020 08:34 (Publicado 06.02.2020 08:10)
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe en Expourense, na inauguración da 21ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico “Xantar”, que Ourense é “a gran despensa de Galicia” e definiu a Xantar como “excelente escaparate da nosa gastronomía” que converte a Ourense “na capital do turismo gastronómico”.
O presidente do goberno provincial participou no acto inaugural xunto a Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia; Jorge Pumar, presidente executivo de Expourense; Luis Pedro Martins, presidente de Turismo Porto e Norte de Portugal; Flora Moure, concelleira de Turismo do Concello de Ourense; Rita Marques, secretaria de Estado de Turismo de Portugal, e Emma González, directora adxunta de Expourense.
Na súa intervención, Baltar salientou a calidade de vida da provincia de Ourense e a lonxevidade dos seus habitantes, “algo que ten moito que ver coa alimentación e cos nosos excelentes produtos”, e destacando tamén que temos “o maior potencial termal de Europa”. “Ourense é unha provincia con “denominación de orixe”, cun goberno de seu, a Deputación, que apoia e pon en valor a riqueza gastronómica do noso territorio”, citando como exemplo o colectivo “Cociña Ourense”, que organiza o encontro bioceánico gastronómico Enbiga.
Xantar reúne ao longo de cinco días, do 5 ao 9 de febreiro, a uns 300 expositores e máis de 150 experiencias gastronómicas, e promociona este ano a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco, unha iniciativa impulsada pola Deputación de Ourense. O Salón conta con showcookings impartidos por chefs de 6 países, e 15 restaurantes -que ofrecen 22 menús con prezos de entre 15 e 35 euros-, así como catas comentadas, maridaxes, degustacións, conferencias de expertos e presentacións de produtos innovadores, ademais de tres aulas gastronómicas.