O Concello de Ourense, a través da Concellería de Medio Ambiente, promove un plan de mellora e dinamización dos parques infantís da cidade co obxectivo de que sexan completamente transformados e renovados para a mellora da calidade de vida dos ourensáns.
O plan conta con actuacións integrais en todos os barrios da cidade. As intervencións abarcan desde pequenos parques ata a transformación completa das grandes zonas de xogos dos parques singulares de Ourense, como é o caso do parque Barbaña, parque San Lázaro, ou o emblemático parque do Xardín do Posío. No seu conxunto, o proxecto mobiliza un investimento de máis de 8 millóns de euros, coa previsión de actuación en máis de 70 parques da cidade, o que permitirá a instalación de máis de 500 novos xogos infantís no conxunto da cidade.
O concelleiro da área, Jorge Pumar, afirma que o plan foi elaborado dando resposta ás demandas dos veciños e subliña que “será unha axuda máis para que as familias poidan conciliar os seus tempos de traballo e de lecer, gozando de espazos ao aire libre no seu propio barrio, con xogos innovadores e da máxima calidade”.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Pumar, explica que o plan foi elaborado seguindo varias liñas principais de traballo:
· Mellora da seguridade dos parques para os nenos
· Innovación nos novos xogos para un maior goce dos nenos e nenas no lecer ao aire libre
· Incorporación de xogos accesibles para a creación de novas zonas de integración para tentar dar resposta ás necesidades dos nenos con diversidade funcional
· Sustentabilidade da contorna dos parques infantís para un maior goce do conxunto das familias dos parques
· Adaptación das instalacións á climatoloxía da cidade
Fases do Plan
O plan desenvolverase en varias fases:
A súa primeira fase iniciarase coa contratación das obras que permitirán a mellora de parques como o das Zapatillas, Camelias, Praza da Mariña ou Río Mao, así ata 19 parques, que en conxunto sumarán un investimento de máis de 1,1 millóns de euros (1.128.191,18 millóns de euros).
O prego esixe a instalación de xogos inclusivos, ou o deseño de instalacións seguras, pero á vez prima o deseño de parques atraentes para o xogo dos nenos ou a creación de novos espazos cubertos para a súa protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas.
A Concellería de Medio Ambiente manexa uns tempos de execución de ata nove meses para o conxunto das actuacións, da primeira e segunda fase, estando programada a súa execución completa para o mes de xuño de 2022.
Jorge Pumar tomou a decisión de executar a primeira e a segunda fase á vez “para poder dar resposta o máis axiña posible ás demandas de veciños e asociacións veciñais que mostran unha especial sensibilidade con este tema”.
A terceira fase do plan elaborado pola Concellería de Medio ambiente prevé un período de execución non máis aló da segunda parte do ano 2022, e neste caso o investimento superará os 1,5 millóns de euros, actuando en 27 parques infantís máis da cidade.