O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, promoverá cambios na asignación de recursos aos grupos políticos municipais. Con esta finalidade, convocou esta mañá na Alcaldía os voceiros de todos os grupos con representación no Concello, nun encontro ao que acudiron os de PP, Flora Moure e PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino. Non puido acudir persoalmente pero falou co alcalde o voceiro de Ciudadanos, José Araújo, e non asistiu ningún representante do BNG.
Ata agora, explicou o rexedor, no Concello de Ourense había un “pacto de cabaleiros”, en virtude do cal os grupos da oposición contaban con persoal de apoio, contratado polo alcalde, que desenvolvía os seus labores nos diferentes grupos políticos. Un modelo, que non era o preferido por Pérez Jácome, partidario de que sexan os propios grupos os que dispoñan de recursos económicos suficientes para contratar directamente o persoal que estimen oportuno. “Prefiro que os partidos teñan fondos e capacidade para elixir e gastar no que consideren. Por exemplo, que poidan contratar se queren, un persoal eventual que é un fenómeno e pagarlle 4.000 euros ao mes en vez de contratar 2 por 2.000. Ou que, se o prefiren poidan contratar 8 traballadores a media xornada”, asegura
Malia as súas reticencias, o alcalde decidiu respectar o modelo existente, no que a Alcaldía contrata persoal eventual para os grupos políticos, por ser un acordo “de consenso” cos demais grupos municipais. “Non estaba de acordo, pero cedín”, asegura.
Agora, o alcalde propón revisar o modelo, xa que este consenso “rompeuse por un xogo de coitelos como o que houbo nos últimos meses”, en alusión ás “trampas e enganos” de grupos políticos da oposición, “que din que van votar unhas cousas no pleno e logo non o fan”.
Entende Pérez Jácome que “no momento en que se rompe o pacto de cabaleiros, imos resetear isto” avanza. Por este motivo, esta mañá deu orde para que cause baixa o persoal asignado aos grupos (2 eventuais de PSOE, 1 de BNG e 1 de C´s) e convoca os portavoces dos grupos políticos para unha nova reunión na que avanzar nunha proposta de acordo para levar a pleno cun novo modelo: que o diñeiro que o Concello destina a remunerar este persoal lle sexa dado aos partidos e que estean o gasten como vexan oportuno.
Tamén avanza Jácome que, ao quedar Democracia Ourensana sen recursos económicos, recorrerá a algunha das prazas de persoal eventual para que traballe no seu grupo municipal, xa que os restantes eventuais “traballan para o grupo de goberno”
“Isto non é unha medida de presión”
“Quero que quede claro que isto non é unha medida de presión porque eu non aceptaría agora volver ao status quo anterior”, asegurou esta mañá Pérez Jácome, quen avanza que “non aceptaría que eles me dixesen que aceptaban votar a favor en pleno a proposta de acordo do outro día a cambio de manter o persoal eventual. Non, iso está roto, acabouse, non quero nada diso”, e conclúe: “Quedo liberado do pacto. Non aceptaría volver ao status quo do pleno anterior”.
Subliña tamén o alcalde que dispón de informes xurídicos e setenzas que cuestionan a asignación de persoal aos grupos políticos da oposición, entendendo que “o persoal eventual pertence ao grupo de goberno e cederllo á oposición é aínda contrario á lei, aínda que se faga en moitísimos concellos”.
Ausencias
O alcalde xustificou a ausencia do voceiro de C´s, co que falou esta mañá, e cuestionou a ausencia do voceiro do BNG: “Nin sequera se presentou. Iso demostra tamén a diferencia respecto a cando, a principios de mandato, os chamei para falar de dedicacións exclusivas, de reparto de fondos e de persoal eventual. Onde el se xogaba o soldo, veu, pero agora, como xa ten soldo fixo, non. Niso vese quen é Luis Seara”.