O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu no Concello os promotores do proxecto dun Hotel Balneario de 5 estrelas, nos terreos do antigo balneario das Caldas. A empresa Álvarez Herrero, do Grupo Ibereólica Renovables, promove esta iniciativa, contando cos arquitectos Müller.Feijoo Arquitectos, José Jaime Vázquez Iglesias e Álvaro Varela arquitectos.
O alcalde de Ourense explicou que “é unha auténtica honra recibir hoxe a Gregorio Álvarez por este proxecto tremendo que nos vai traer a Ourense un futuro. É realmente un dos desexos históricos da cidade de Ourense: ter un hotel balneario, e xa é unha realidade tan grande que case ten nome: Hotel As Caldas, recuperando o antigo hotel que había na zona do Tinteiro”.
Pérez Jácome avanzou que este hotel “vai ser un auténtico referente, porque apunta a ser un hotel boutique, de 5 estrelas, con 42 prazas, que realmente vai ser a icona do termalismo de Ourense. Hoxe é o primeiro paso para facer un proxecto termal ao que daremos todas as facilidades desde o Concello. Ourense está de parabén”, manifestou
Pola súa banda, o empresario Gregorio Álvarez expresou a súa satisfacción por presentar este proxecto “que espero que sexa o principio de moitos proxectos térmicos, xa que tedes a cidade coa mellor auga de España, ademais do AVE”. Explicou que “temos a parcela do antigo balneario, xa compramos o terreo, xa temos os arquitectos, que son expertos, e esperamos presentar nos próximos 3 meses o anteproxecto no Concello, seguir co proxecto de execución, e obter en 2024 os permisos para iniciar a construción no ano 2025”. Sobre as instalacións, avanzou que será un “hotel boutique”, chamado a ser un “buque insignia” termal, e que estará “especializado en alto rendemento deportivo”.