Ciencia

Arranca a 4ª edición do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”

Durante tres días alumnado de 1º a 3º da ESO coñecerá as saídas profesionais das principais carreiras científicas e de novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade ou computación cuántica.

Óscar Gómez

Ourense | 08.02.2022 17:36

Arranca a 4ª edición do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”
Arranca a 4ª edición do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” | onda cero

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino”, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrado. O obxectivo desta iniciativa é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM -Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas-, debido á súa baixa participación nestas materias.

Esta semana Tecnópole celebra tres xornadas no marco deste proxecto -que cumpre a súa cuarta edición-, os días 9, 10 e 11. Están enfocadas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. O alumnado participará en talleres que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino.

A actividade central do venres, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, retransmitirase en directo por Youtube

Na xornada do día 11, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convidarase a mulleres que traballan no campo da ciencia e a tecnoloxía, que relatarán a súa experiencia persoal, explicando por que decidiron elixir unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas.

As profesionais que intervirán son Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora e tamén directora e responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus Calidad Forestal; Lucía Novelle, enxeñeira superior de Minas, socia da firma Ingeo -enxeñaría dedicada principalmente ao desenvolvemento e supervisión de proxectos de enerxía xeotérmica-, secretaria da Asociación Clúster da Xeotermia Galega e membro do grupo de traballo de AENOR para a elaboración da normativa no campo da enerxía xeotérmica; e Patricia Alonso, bióloga experta en sistemas de calidade, medio ambiente e alimentación, que na actualidade ocupa o posto de directora do laboratorio de Akunatura.

A mesa redonda estará moderada pola directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses, Patricia Barciela, que colabora ademais nestas xornadas impartindo os talleres científicos. Retransmitirase en directo a través da canle de Youtube do Parque Tecnolóxico de Galicia, entre as 10:15 e as 11:00 horas.

O alumnado poderá participar no concurso nacional “Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sostible”

Por outro lado, realizarase un taller para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes no Parque relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… A finalidade é que poidan deseñar un proxecto que sirva como solución a un problema concreto. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviarán a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid no mes de abril.

Coñecerán as saídas laborais no eido da ciencias e das tecnoloxías disruptivas

Os participantes nesta edición de “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” recibirán dúas guías. Por un lado, a guía “Que quero ser de maior?”, na que se recollen as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía “Que son as tecnoloxías disruptivas?” busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo -como o blockchain, big data, intelixencia artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica…- e as súas posibles saídas profesionais.

Mulleres referentes para as novas xeracións

O estudantado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes no campo da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia; e a mostra Mulleres que cambian o mundo, na que se destacan a aquelas profesionais do ámbito do Parque Tecnolóxico de Galicia que na actualidade están a desenvolver un importante labor nestes eidos. Tamén poderán facer un percorrido pola exposición As mulleres que nos levaron á Lúa, na que se pon de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron clave para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa.