O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou acompañado do alcalde da Arnoia, Rodrigo Aparicio, e do presidente do C.R.D.O. Ribeiro, Juan Casares, a Adega José Estévez S.L., unha das beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro da orde de 2021 para apoiar a reestruturación e reconversión da viña en Galicia. Así, un total de 196 beneficiarios recibirán un importe global de 2.612.414,46 euros destinados a operacións encamiñadas á reimplantación de viñedo, á reconversión varietal ou á mellora das técnicas de xestión das viñas.
O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense a superficie de viñedo na que se vai actuar grazas a estas subvencións é de case 99 (98,6458) hectáreas, con 108 expedientes aprobados. Por zonas vitícolas, o número de persoas beneficiarias na denominación de orixe protexida Monterrei é de 46 beneficiarios, a de Valdeorras 34 e a do Ribeiro 28.
Gabriel Alén aproveitou a súa estadía na Adega José Estévez S.L. para lembrar a publicación no Diario Oficial de Galicia da nova orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas deste ano á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, que contan cun orzamento de 3 millóns de euros para os exercicios de 2022, 2023 e 2024 e cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 2 maio.
O obxecto desta liña de achegas -segundo o delegado territorial- é aumentar a competitividade dos produtores vitivinícolas, mellorar os sistemas de produción sustentables e a pegada ambiental deste sector produtivo. Así, preténdese diminuír os custos das explotacións e apostar polo seu redimensionamento ao levar a cabo reaxustes estruturais. Tamén se fomenta a adaptación das variedades ás demandas do consumidor, ao tempo que se preservan as viníferas autóctonas galegas, de menores rendementos e elevada calidade diferenciada, aproveitando así a gran vantaxe competitiva que supón a súa diferenciación no mercado.
Deste xeito, a través destas achegas aumenta o grao de profesionalización do sector vitícola galego, ao tempo que se potencia a remuda xeracional e un desenvolvemento rural socialmente viable facilitando o acceso ás explotacións de persoas viticultoras mozas e capacitadas, en particular das mulleres viticultoras de Galicia.
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas viticultoras inscritas no Rexistro Vitícola cuxas viñas se destinen á produción de uva para vinificación, cunha superficie máxima subvencionable de 10 hectáreas por persoa viticultora e ano. Estas achegas aplicaranse ás superficies vitícolas onde se leven a cabo operacións de reimplantación de viñas, reconversión varietal e/ou melloras das técnicas de xestión das viñas.
Cabe recordar que cada viticultor deberá seleccionar o seu propio calendario de execución, escollendo entre unha execución anual ou bienal. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata un 80% da axuda aprobada, no caso de que precisen efectuar pagamentos inmediatos dado o investimento proxectado, sempre e cando constitúan unha garantía por un importe cando menos igual ao do pago anticipado.
Enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220330/AnuncioG0426-280322-0006_gl.html