O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha batería de emendas á “macromodificación de crédito de Jácome” para garantir “un marco de actuación global centrado no ámbito social”. Neste sentido, os socialistas denuncian a postura inflexible do alcalde no decurso do encontro, que “fronte a un proxecto plural e diverso” proposto polo grupo socialista, “pretende gastar todo en obras e autobuses”, ao tempo que lamentan que “este non é o modelo de cidade que queremos para Ourense”.
garantir un marco de actuación global centrado no ámbito social
“Jácome despreza calquera actuación no ámbito social porque di que non é competencia do Concello e solicita que se encarguen a Xunta e o Estado”, criticou á saída da reunión o voceiro socialista, Rafa Villarino, en relación á emenda dos socialistas para incrementar en dous millóns de euros a partida destinada a programas de emerxencia social, triplicando así os 700 000 euros contemplados actualmente, unha cantidade que consideran “claramente insuficiente”.
“As necesidades sociais derivadas da pandemia poden devir dramáticas a curto prazo”, sinalan os socialistas, polo que avogan por “artellar un auténtico programa de rescate social para que ningunha persoa en Ourense quede atrás” e así “afrontar con máis garantías a extrema gravidade da realidade social a consecuencia da pandemia, agravada pola inacción e incapacidade dos últimos gobernos municipais, que multiplicaron os tempos de agarda en asistencia social”.
O voceiro dos socialistas cualificou a macromodificación de crédito de “presuposto en B” e acusou a Jácome de pretender “fulminar” o 75 % do remanente de tesouraría nun “auténtico plan de obras” que non presenta unha memoria de necesidade suficiente que ampare a magnitude dos créditos extraordinarios propostos nin xustifique a necesidade dos mesmos.
“É sabido que a situación das infraestruturas en Ourense precisa de melloras, e do mesmo xeito precísase un plan estratéxico que permita destinar os fondos a aqueles proxectos de reparación máis necesarios, pero nunca mediante a suplantación da vontade popular e a usurpación da maioría do pleno”, expoñen os socialistas no escrito de emendas presentado formalmente no rexistro electrónico do Concello.
Un reaxuste de 23 millóns de euros
Deste xeito, dende o grupo municipal socialista esixen un reaxuste de 23 millóns de euros sobre a proposta efectuada polo equipo de goberno, que implicaría o rexeitamento das partidas destinadas a infraestruturas de mobilidade vertical –que consideran faltas de planificación e que carecen dos preceptivos estudos de impacto e custe de mantemento– ou as de adquisición de elementos de transporte urbano –posto que xa foi rexeitada en xunta de voceiros e en sede plenaria–, co obxectivo de crear novas partidas que contribúan a paliar os efectos da crise da Covid –como unha liña de 10 millóns de euros en axudas para o comercio, a hostalería e aqueles sectores máis afectados polos efectos da pandemia–, que permitan efectuar un rescate cultural –a través dunha partida de 1 200 000 euros–, ou subvencionar iniciativas de participación cidadá e do terceiro sector –cunha partida de 3 millóns de euros e outra dun millón, respectivamente–.
Ademais, os socialistas piden incrementar a dotación orzamentaria para infraestruturas termais, cun millón adicional ao orzado, para recuperar “dunha vez por todas e sen escusas un espazo fundamental para a veciñanza ourensá”; así como a dotación de sendas partidas para reforma dos mercados de abastos da cidade, e particularmente a zona do Rianxo da praza de abastos número 1.