O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense volveu solicitar novamente na Xunta de Área de Urbanismo información sobre cales son as modificacións que desde a alcaldía se queren introducir no PXOM e que tanta discordia están a causar, ata o punto de ter neste momento paralizado o avance do propio documento.
Segundo denuncia o portavoz nacionalista Luis Seara "levamos meses pedindo coñecer cales son as modificacións que o alcalde quere introducir no PXOM e ate o momento seguen sen facilitarnos esa información".
"O PXOM é un documento básico para o futuro do concello e para o seu desenvolvemento non soamente urbanístico senon tamén económico, social e demográfico, un documento o suficientemente importante como para que o goberno actúe con seriedade, rigor e pensando en Ourense no seu conxunto e non en ver quen se impón a quen".
Para o BNG, o acontecido nas últimas semanas entre a alcaldía e a propia concelleira de urbanismo revela a falla total de sintonía entre ambos socios de goberno ademais de xerar "unha profunda sensación de que nada se vai mover ao respecto, con todo o que iso supón desde o punto de vista da incertidume e da desconfianza que están a xerar na veciñanza".
Desde a formación nacionalista piden a convocatoria urxente dunha reunión na que estén presentes os Grupos da oposición e como afirma Luis Seara "se poñan todas as cartas enriba da mesa, saibamos exactamente que é o que quere o alcalde e porqué desde urbanismo existen tantas reticencias".
Seara lémbralle ao Goberno PP - DO que "o PXOM ten que ser aprobado en pleno por maioría e dame a sensación de que este goberno non ten esta cuestión moi presente", ao que engade, "aos Grupos da oposición ocultannos información pese a tela pedido en reiteradas ocasións, así é moi dificil poder chegar a calquera tipo de acordo".