O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou unha moción para debater no pleno previsto para este venres 07 de outubro no que solicitan a modificación das bases que rexen a convocatoria de axudas para concesión de axudas a adquisición de libros, material escolar e comedores escolares.
Tal e como figura na exposición de motivos, a partida orzamentaria ascendeu este ano a 268.550 euros, correspondendo 90 euros mensuais por alumna ou alumno. O dato que máis chama a atención é que das 805 solicitudes presentadas soamente foron atendidas 300, quedando en lista de agarda 116, debido á falla de crédito ao esgotarse a partida inicialmente prevista. 382 solicitudes foron directamente excluídas polo incumprimento dalgún dos requisitos esixibles nas Bases Reguladoras da convocatoria.
Pero o certo é que algo máis do 40% das denegacións, ou o que é o mesmo, 168 solicitudes das 382 totais, teñen que ver co punto 5.3 do artigo 5 das Bases Reguladoras das axudas e que fai referencia ao nivel de renda per cápita anual. Este aparece fixado nun máximo de 3.700 euros por membro.
Para a concelleira Rhut Reza, “o obxectivo deste tipo de axudas debe ser chegar ao maior número de veciñas e veciños posíbeis, non sendo normal polo tanto que máis do 40% das solicitantes e dos solicitantes queden fóra. Cómpre analizar as causas e levar a cabo as modificacións necesarias nas Bases coa finalidade de poder acadar un número maior de beneficiarios”.
Rhut Reza lembra que “tendo en conta que existe crédito orzamentario suficiente, desde o BNG entendíamos preciso aumentar a cantidade inicialmente orzamentada para dar cobertura ás solicitudes actualmente en listaxe de agarda e permitir que todas e todos aqueles que nesta convocatoria cumpren cos requisitos, non queden se axuda”.
“Así o transmitimos na Xunta de Área de Servizos Socias celebrada o pasado día 13 de setembro, sendo, todo hai que dicilo, rápidamente aceptada dita proposta polo actual Goberno Local mais cómpre evitar esta situación en anos futuros”.
O Grupo Municipal do BNG plantexa xa que logo:
1. Instar ao Goberno Local a incrementar de cara ás vindeiras convocatorias, o orzamento asignado para a concesión de axudas a adquisición de libros, material escolar e comedores escolares co obxecto de evitar que persoas beneficiarias por ter cumprido con todos os requisitos esixidos nas Bases, queden sen elas por falla de orzamento.
2. Instar ao Goberno Local á revisión das Bases Reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de libros, material escolar e para comedores escolares, concretamente o punto 5.3 do artigo 5, co fin de aumentar o límite establecido de 3.700 euros de renda per cápita anual, así como o artigo 8.1.b co obxecto de aumentar a contía máxima establecida actualmente en 90 euros ao mes.
3. Instar ao Goberno Local á revisión das Bases Reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de libros, material escolar e para comedores escolares, co obxecto de modificar e ampliar as denominadas “causas sobrevidas”.
4. Instar ao Goberno Local a axilizar a convocatoria para a concesión de axudas para a adquisición de libros, material escolar e para comedores escolares a fin de que co comezo de cada curso as e os solicitantes saiban se son beneficiarios de ditas axudas ou non, e contribuir deste xeito a que poidan realizar unha maior planificación de comezo de curso.
5. Instar ao Goberno Local a articular un novo sistema de axudas destinadas á conciliación, comedores, acollida temperá e ludoteca nos Centros escolares, para que cubra unha parte do recibo pagado polas familias e complementar así a axuda da Xunta de Galiza que a día de hoxe non chega nin o 10% do custe total.