Para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense o anuncio feito esta mesma tarde da reincorporación do PP ao Goberno Local non supón ningunha sorpresa pois era cuestión de tempo que acontecese.
Para os nacionalistas o grave da situación é o ver como o PP xogou e segue a xogar coa veciñanza de Ourense, a cal non lle importa o máis mínimo e pensa exclusivamente nos seus propios intereses partidistas por moito que se lles encha a boca falando de Ourense, Ourense, Ourense.
Lembran desde o BNG que os motivos esgrimidos polos populares en agosto de 2020 para abandonar o goberno foron as múltiples dúbidas en torno á xestión e destino dos fondos públicos que recibía DO e a ausencia de explicacións por parte do rexedor, pois ben, case un ano despois, esas explicacións seguen sen darse mais para os populares parece non supor agora un problema ou motivo suficiente como para non voltar ao goberno.
O PP nunca exerceu de oposición ao longo de todos estes meses, e mesmo saiu en auxilio de Jácome cando este o precisou pois está claro que Jácome é a cara B do Partido Popular. O PP demostra non importarlle nada a veciñanza de Ourense e tamén que a oferta de moción de censura era unha auténtica pantomima pois sabían perfectamente que nunca a ían asinar.
Para o BNG que o PP permita que DO manteña a Concellaría de Cultura demostra que todo o feito e dito neste eido polos populares ao longo destes meses era pura propaganda.
O PP permitiu que ao longo de todo este tempo o concello permanecese bloqueado e sumido nun absoluto caos, ao tempo que agora vai propiciar que conte cun goberno sen maioría, co que iso implica.
Por último, para os nacionalistas resulta curioso que en canto Jácome avanzou que próximamente levaría a pleno a aprobación provisional do PXOM, se acelerasen as negociacións para a súa volta, ante o que o BNG pregúntanse, que intereses ocultos ten o PP nesta cuestión?