O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- promove, un ano máis, a X edición do campamento tecnolóxico de verán T2W -Tecnópole Technological Workshops-, en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia.
Esta iniciativa forma parte da aposta de Tecnópole pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Diríxese a un total de 36 rapaces e rapazas de entre 12 e 16 anos. Haberá unha primeira quenda do 4 ao 8 de xullo e unha segunda do 11 ao 15 de xullo, en horario de 10:00 a 18:00 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 3 de xuño ou ata que se cubran as prazas dispoñibles, a través dehttp://t2w.tecnopole.es/.
Debido ao éxito obtido co módulo "Voamos con números: unha aventura aérea" levado a cabo durante o curso escolar na Aula Newton Galicia, instalada no Parque, Tecnópole decidiu celebrar o seu campamento tecnolóxico aproveitando a metodoloxía e os recursos empregados nesta Aula.
Tal como destacan desde Tecnópole, “o campo da aeronáutica e o espazo é un dos que máis interese espertan entre o alumnado”. Nesta liña, o campamento, cun enfoque práctico e experimental, oferta un conxunto de actividades didácticas e amenas que permitirán aos participantes introducirse nos conceptos básicos da aviónica e a electrónica necesarios para o desenvolvemento de proxectos aeroespaciais. Así mesmo, na Aula Newton cóntase con simuladores de voo, cos que descubrirán tanto as bases técnicas do manexo de avións como da preparación de plans de voo.
Entre outras actividades, os asistentes ao campamento aprenderán a pilotar utilizando simuladores de voo profesionais, crearán plans de voo, iniciaranse na montaxe e manexo de drons, na programación de placas electrónicas e mesmo realizarán prototipos mediante impresión 3D.
O custo do campamento é de 150 euros. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese tamén o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario á piscina do Parque.
Promover as vocacións científicas entre os máis novos
A metodoloxía que se segue neste campamento é innovadora e práctica. O alumnado ten a oportunidade de traballar con diferentes materiais tecnolóxicos e científicos. Tamén haberá tempo de lecer durante as tardes, momento no que os rapaces e rapazas poderán acudir ás piscinas de Tecnópole.
Entre os obxectivos que se perseguen con esta experiencia destaca o desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora, así como a dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que o alumnado adquira novos coñecementos científicos e tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como a curiosidade e o espírito emprendedor, entre outras. Nesta liña, o Parque Tecnolóxico de Galicia leva anos traballando en favorecer as vocacións investigadoras e de emprendemento innovador entre a xuventude.