O Concello de Ourense, desde a Concellería de Educación, e o Club Xadrez Ourense poñen en marcha o programa “Xadrez na escola”, que ten como finalidade achegar os escolares dos centros educativos da cidade á práctica deste deporte e poñer en valor a súa importancia como ferramenta lúdica, deportiva e formativa.
O programa, que se desenvolverá desde outubro a xuño, pretende aproveitar o potencial do xadrez como ferramenta formativa, que contribúe á concentración, o calculo, a memoria o control do espazo ou o tempo, que desenvolve a intuición, a imaxinación, o autocontrol e a creatividade, ao tempo que forma en valores como a empatía, o respecto ou a xustiza.
O programa, consta de 3 liñas:
-Achegar os nenos ao xadrez, contando cun equipo de monitores cunha longa traxectoria no ámbito deportivo e educativo do xadrez, que se encargarán da formación do alumnado nos centros educativos que o soliciten.
-Escola municipal de xadrez, para persoas maiores de 15 anos que desexen aprendelo, a través dun curso de 50 horas de duración.
-Divulgación do libro “Aprende xadrez desde cero”, de Iván Salgado, en todos os centros públicos e entre os participantes do programa.
O asesor do goberno municipal Aníbal González, puxo en valor o potencial de Club Xadrez Ourense, subliñando que é un dos 8 equipos que se atopan na división de honra nacional nunha especialidade que practican 2.000 equipos en toda España. O Concello, explicou, quere aproveitar este potencial e crear sinerxías para fomentar un deporte que resulta tan valioso para quen o practica, co obxectivo de que “os nenos sexan os grandes beneficiados”.