A rehabilitación da Praza de Abastos número 1 incluirá tamén a construción dunha piscina termal e a reforma da contorna do edificio. Así o anunciou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, logo de reunirse cos arquitectos e visitar no día de onte as obras de remodelación que se desenvolven actualmente no edificio do mercado municipal, sito nas proximidades das Burgas.
O goberno municipal encargoulle ao equipo de arquitectos responsable da reforma que elabore o proxecto dunha segunda fase, que concretará as intervencións que se realizarán. O Concello licitará os traballos nos próximos meses, de forma que complementen e sirvan como un atractivo adicional para o tradicional mercado municipal. O investimento será duns 3 millóns de euros.
Son, explica o goberno municipal “as seguintes fases deste proxecto”. A reforma do mercado, asegura, “avanza con moi bo ritmo, e con esta seguinte fase transformaremos e poremos en valor a contorna do edificio e acondicionaremos no seu soto unha das mellores piscinas termais de toda Europa. No día de onte démoslles o OK aos arquitectos para que presenten o proxecto coa previsión de licitalo e destinarlle unha achega de 3 millóns de euros”.
Coa construción da piscina termal cuberta, o goberno municipal desbota a idea de situar un supermercado nos sotos do edificio, xa que entende prioritario apostar por unha instalación termal “que serva para darlle un salto de calidade ao termalismo de Ourense, co obxectivo de que deixe de ser un bluff”.