As adquisicións de libros realizaranse dende o 23 de xuño de 2021 ata o 14 de agosto de 2021. Para estes efectos, deberá realizarse unha solicitude a través do seguinte enlace, onde haberá unha listaxe dos establecementos participantes na campaña -estes deberán presentar unha solicitude de participación perante o Concello de Ourense con data límite do 15 de xuño de 2021-. Unha vez cubertos os datos requiridos enviarase un código alfanumérico que deberá presentar, xunto co NIF, no establecemento.
O Concello dálle continuidade así á campaña realizada de forma pioneira o pasado verán, coa que máis de 8.470 nenos e nenas recibiron este agasallo como premio aos seus esforzos durante o confinamento e durante o curso escolar.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, asegura que a primeira edición foi “unha iniciativa tremenda para o pequeno comercio, boa para os libreiros, boa para fomentar a lectura”, e subliña que “moitos pais que levan os nenos á libraría acaban por comprar tamén outro para eles, e toman fidelidade cos comercios e volven, ocasionando un maior tráfico nas librarías locais que non se deu noutras cidades”.
“Un libro desconfina a túa imaxinación” desenvolveuse do 1 de xullo ao 14 de agosto de 2020, e participaron 35 librarías e papelarías da cidade.
Ademais deste, a xunta de goberno local aprobou outros 21 asuntos achegados por diferentes áreas e servizos municipais dentro da orde do día.
Avogacía consistorial (1). Unha sentenza do contencioso administrativo desestima un recurso presentado por unha particular contra a desestimación dunha responsabilidade patrimonial por mor dunha caída na rúa Ervedelo.
Licenzas (3). Concedéronse licenzas para a rehabilitación dunha cuberta nun edificio da rúa Doutor Temes; para a execución dunha vivenda unifamiliar na rúa Antolín Losada; e para o traslado do cruceiro dentro das obras de rehabilitación do Museo Arqueolóxico de Ourense da rúa Bispo Carrascosa á rúa Bailén.
Aperturas (1). Concedeuse licenza para a reforma dun local na rúa do Paseo destinado á venta de artigos de telefonía móbil.
Patrimonio (9). Desestimáronse diversas reclamacións de responsabilidade patrimonial ao non concorrer os requisitos que xustifiquen o dereito a unha indemnización: polos danos sufridos pola caída dunha árbore no parque de San Lázaro; polos danos sufridos nun vehículo polo anormal funcionamento dun bolardo na rúa Padre Feijóo; e polos danos sufridos logo dunha caída na parada de autobús emprazada fronte á Subdelegación do Goberno.
Pola súa banda, o Concello reclámalle 2.929,82 euros a un particular polos danos nun farol de alumeado na rúa Remedios; 145,33 euros a outro polos danos causados en fitos de sinalización na avenida das Caldas; e 103,41 euros a un terceiro polos danos nun sinal vertical en Castro de Beiro. Así mesmo, estímase a prescrición alegada por un particular logo de que transcorrese máis dun ano desde que causou danos nun farol no parque de Jesús Pousa, polo que se arquiva o expediente.
Aprobouse tamén ditar a orde de execución de limpeza da maleza e dos cascallos, así como para o tapiado dos ocos de acceso a unha edificación ruinosa que se atopa nunha parcela da rúa Gumersindo Buján.
Finalmente, corrixiuse un acordo de pasadas xuntas de goberno no referente aos xuros derivados dunha execución de sentenza (fixados en 23,93 euros).
Rehabilitación, VPP e Peris (2). Concedéronse dúas axudas para senllos proxectos de rehabilitación en vivendas da cidade dentro das axudas para ARRUs: a primeira, de 45.466,25 euros, para a instalación dun ascensor na urbanización Santa Bárbara (ARRU Polvorín, Camelias Carballeira); a segunda, de 2.388,28 euros, para a rehabilitación dunha vivenda na rúa da Inmaculada (ARRU San Mamede, Cruceiro Quebrado, A Inmaculada).
Contratación (3). Aprobouse o expediente para a contratación do servizo de dinamización educativa en centros públicos de educación infantil e primaria (programa Concilia 2021-2023). Así, destinaranse 209.032,43 euros para actividades de verán repartidos do seguinte xeito: 102.723,52 euros en 2021; 104.460,70 euros en 2022; e 1.848,21 euros en 2023.
Acordouse tamén a prórroga por dous anos do servizo e mantemento da aplicación informática Gespol, que terá un custe de 8.504,57 euros por cada ano de contrato.
Ademais, e dada a imposibilidade de execución do contrato do servizo de centro de día para persoas maiores dependentes por parte da Asociación Ourensá de Discapacitados Físicos, Parálise Cerebral e Terceira Idade Dependente -Aixiña- como consecuencia da pandemia, entre o 1 e o 23 de setembro de 2020, recoñéceselle unha cantidade de 5.429,37 euros en concepto de indemnización.
Asuntos Sociais (1). Valídase a omisión da función interventora no acordo que modificou a renda mensual do local no que se atopa a UNIS O Couto, e recoñécese a obriga de pagamento de 4.770,44 euros en favor dos arrendatarios polas mensualidades de xaneiro a abril do presente ano.
Xestión económica e orzamentaria (1). Apróbase o proxecto de modificación orzamentaria 008-T/2021, utilizando a figura das transferencias de crédito entre aplicacións de distinta área de gasto. Así, transfírense 380.000 euros da partida destinada a sufragar as festas da cidade para as actividades de Centros Cívicos (100.000 euros) e para axudas dos programas de emerxencia social (280.000 euros).