O Concello de Ourense instalará unha infraestrutura de comunicacións vía radio para a súa posterior explotación por un terceiro coa intención de lle ofrecer servizo de internet de alta velocidade á veciñanza da contorna urbana, máis de 8.000 habitantes pertencentes a 17 parroquias do perímetro rural.
O obxectivo fundamental deste proxecto é que estas zonas poidan ter un acceso a internet de alta velocidade, desde 31 Mb/s, cunhas prestacións técnicas e cunhas tarifas económicas similares á cidade, xa que actualmente existen zonas nestas parroquias que dispoñen dunha oferta limitada ou inexistente para a contratación deste servizo.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, asegura que con este proxecto, “imos meter todo o municipio de Ourense no século XXI” e “eliminar á fenda dixital que hoxe existe no municipio de Ourense entre a cidade e a zona rural”, en relación a aquelas zonas no perímetro urbano que actualmente carecen de Internet de alta velocidade. Con esta iniciativa, explica o rexedor, as persoas que residen nestas contornas, unhas 8.000, poderán dispoñer de “unha administración pública electrónica, acceso a educación online, servizos de sanidade, entretemento, comercio electrónico, teletraballo e moitísimas outras aplicacións desta tecnoloxía”.
Sobre a rede que se instalará poderanse ofrecer -e por tanto contratar por parte da cidadanía- servizos IP, tales como telefonía básica, servizos avanzados de telefonía e televisión IP. Unha vez redactado o proxecto executarase o desenvolvemento da infraestrutura, o que suporá un custe inferior aos 100.000 euros. Paralelamente, licitarase o mantemento e explotación do servizo, cuxo custe para anual para o Concello será de 0 €.
Romper a fenda dixital que afecta o rural
O goberno municipal pretende romper a fenda dixital que afecta as poboacións do rural, sobre todo nestes momentos actuais de pandemia, facilitándolles aos seus veciños o achegamento a servizos como:
Administración pública electrónica: Prestación de servizos interactivos, facilitando o acceso a cidadáns e empresas, e reducindo custos loxísticos.
Educación: Reforzando o proceso de aprendizaxe en liña con ferramentas de software para vídeoconferencia e facilitando a colaboración entre institucións educativas, estatais, autonómicas e locais.
Saúde: As actuais aplicacións de telemedicina permiten achegar ás persoas co servizo médico, xestionando citas, comunicación entre paciente e centro médico e mesmo consulta a distancia. Outras aplicacións permiten unha interacción entre paciente e centro asistencial para o control e urxencias médicas.
Entretemento: Posibilidade de contratación de plataformas de televisión sobre IP, xogos en liña, redes sociais...
Comercio Electrónico: Facilitar o labor de comercio a través da rede, tanto na parte de compra como de venda. Cada vez máis o mercado esixe presenza na rede e dispoñibilidade dun acceso a internet.
Teletraballo: Unha das consecuencias do estado actual de pandemia é a posibilidade de traballar desde a túa casa só cun acceso a internet.