O rexedor lembra que “o segundo día que exercín as miñas funcións, en xuño 2019, implantei por primeira vez o control horario”. “Ordenouse daquela a todos os xefes de servizo rexistrar a hora de entrada e saída de cada traballador”, di, “pero pasado un tempo desa efectividade inicial, nos últimos meses detectouse certa lasitude que non vou tolerar”.
“Hoxe mesmo, nun control aleatorio ao que acudín eu mesmo, comprobouse que o 100% dun departamento (de 10 traballadores) non estaba á hora de inicio da xornada no seu posto laboral”, asegura Pérez Jácome. As oficinas estaban aínda ás escuras ás 8:10 da mañá, sostén, e os traballadores foron chegando desde as 8:35 ás 9:15 da mañá.
Lembra Pérez Jácome que a xornada semanal é de 37,5 horas, con 30 minutos de descanso por día, un tempo que se poden adaptar antes ou despois. “Tendo en conta que os edificios pechan as portas ás 15.00 horas, é imposible cumprir o horario se non se chega antes das 8.00”, afirma.
É por iso que o alcalde comunicoulles a todos os xefes de servizo, hoxe mesmo, a obriga do control horario. “Faranse controis aleatorios coma o de hoxe e procederase á apertura de expedientes disciplinarios”, anuncia.
Implantación
Será a partir do 3 de maio de 2021 cando se implante o control horario telemático no Concello de Ourense, deixando de ser manual como ata o de agora. Pérez Jácome lembra que “desde 2013 había un partida de 80.000 euros nos orzamentos, que PSOE e PP -con eles prorrogados- xamais quixeron executar porque xamais quixeron un control horario sobre os traballadores”, asegura.
O alcalde de Ourense entende que “non é xusto que paguen xustos por pecadores, e recoñece tamén que existe unha porcentaxe de funcionarios que, sen ter control horario exhaustivo, cumpren a súa responsabilidade”. “Por desgraza”, lamenta, “isto non pode estenderse ao 100% do persoal, como puidemos comprobar hoxe”.