O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome asistiu ao inicio das obras de humanización da rúa Concordia, un proxecto que promove o Concello de Ourense cun orzamento de licitación de 4,6 millóns de euros e un prazo de execución de 8 meses. Trátase da “obra civil máis grande que fai o Concello de Ourense na súa historia”, asegurou o alcalde, quen quixo destacar que no día de hoxe “Ourense despega porque levamos máis dunha década sen obras importantes na cidade”. A humanización de Concordia será, avanzou o rexedor, a primeira “das moitas obras que van comezar nos próximos meses”, así como a máis “emblemática, neurálxica e icónica”.
O proxecto prevé unha completa humanización da rúa, en todo o seu trazado, que terá plataforma única e incorporará sete ramplas mecánicas que facilitarán o tránsito peonil nesta zona de marcada pendente. As ramplas estarán situadas na marxe esquerda da rúa no sentido de subida desde Progreso até a Praza das Mercedes. Tamén se instalará novo mobiliario urbano e iluminación e renovaranse as redes de abastecemento, saneamento, electricidade e telecomunicacións.
O alcalde puxo en valor a importancia desta intervención que, asegurou, “vai cambiar para sempre Ourense porque vai permitir que haxa máis mobilidade, fará que moita xente deixe o coche porque vai ser máis doado andar pola cidade”. Tamén avanzou que as actuacións de mobilidade vertical que desenvolverá o Concello continuarán proximamente con novos proxectos como o que comunicará a Praza das Mercedes con San Francisco; A Carballeira, desde a Avenida de Portugal á praza do Sagrado Corazón; A Ponte, desde a pasarela até Vicente Risco; A Cruz Alta; Alameda do Progreso; rúa Coenga, desde Os Viños ata San Francisco, e Avilés de Taramancos, desde o leito do río Barbaña até a ponte de Ervedelo. Esta última obra completará un novo eixo urbano que permitirá chegar desde o nivel do río até San Francisco utilizando elementos mecánicos.
O xefe de obra de Extraco, Martín Rejo, explicou que as obras realizaranse por fases, comezando polo tramo inferior da rúa, no cruce con Progreso, e irán avanzando paulatinamente cara a Praza das Mercedes, de forma que haxa a mínima afección posible á cidadanía.
A execución dos traballos non requirirá pechar esta rúa, de uso peonil, ao acceso dos vehículos autorizados. O tráfico, explicou, será sempre será fluído en sentido ascendente cun único carril, e garantindo sempre o seu uso tanto para residentes, como para o acceso ao aparcamento e os garaxes e carga e descarga. O Concello prevé que as obras estean rematadas para Nadal.