A Concellería de Educación do Concello de Ourense iniciou esta mañá no CPR Divino Mestre unha campaña de fomento da alimentación saudable dirixida á poboación infantil. Co título de Crecemento saudable, ten como finalidade fomentar bos hábitos de alimentación desde as aulas dos centros educativos, e inclúe o reparto de froita ao alumnado dos colexios que solicitaron participar. Esta proposta pretende que as nenas e os nenos descubran os beneficios das froitas, gocen dos seus distintos sabores e composicións, e sexan conscientes de que na variedade está a saúde.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu ao inicio da actividade, que forma parte dos programas de educación para a saúde que desenvolve o Concello dirixidos á poboación escolar. Neste caso, o proxecto Saúde Integral SI!, que o Concello leva a cabo coa colaboración da Fundación SHE, que preside o cardiólogo Valentín Fuster.