O Concello de Ourense encargará a vindeira semana un proxecto de enxeñería para a instalación dun ascensor que axude a salvar o desnivel existente entre as avenidas de Marín e de Santiago, actualmente conectadas por escaleiras. O obxectivo deste elemento mecánico, exterior e de tipo panorámico, será o de axudar a cohesionar e mellorar a permeabilidade destes dous barrios, A Ponte e o Vinteún, historicamente divididos pola vía do tren.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, considera que este ascensor axudará a superar unha barreira arquitectónica difícil de salvar para persoas maiores, con problemas de mobilidade, ou que porten carros, tanto da compra como de bebés, así como a facilitar o acceso da veciñanza do Vinteún ao seu centro de saúde.