Ourense Cidade

O Concello organiza actividades de conciliación para escolares durante as vacacións de Semana Santa

O Concello de Ourense, a través do CIMM-Concellería de Igualdade, organiza unha nova edición do programa de actividades de conciliación da vida laboral e familiar Espazo Coeduca, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos.

Óscar Gómez

Ourense |

O Concello organiza actividades de conciliación para escolares durante as vacacións de Semana Santa
O Concello organiza actividades de conciliación para escolares durante as vacacións de Semana Santa | onda cero

As actividades realizaranse nas dependencias da Concellería de Igualdade, na rúa do Ensino, número 24, no barrio do Couto, de 9.00 a 14:00 h, os días 25, 26 e 27 de marzo e 1 de abril de 2024. O programa, desenvolvido pola entidade CAVAS Galicia, contará con actividades, dinámicas e xogos coidadosamente deseñados para garantir un ocio non sexista e traballar valores vinculados á igualdade dun xeito lúdico, utilizando o marco de conmemoración do 8M, Día Internacional das Mulleres, como temática principal.

As inscricións realizaranse de maneira presencial na Concellería de Igualdade o xoves 14 de marzo, tras a realización dunha preinscrición en liña a través do código QR do cartel ou da ligazón dispoñible na páxina web do Concello de Ourense e nas redes sociais do CIMM-Concellería de Igualdade de Ourense e da asociación CAVAS Galicia.

A partir do día 10 de marzo, o persoal de CAVAS Galicia porase en contacto coas persoas preinscritas para darlles información e concertar as entrevistas presenciais, onde recollerá a documentación requirida e formalizará o proceso de inscrición.

O Espazo Coeduca é un recurso municipal da Concellería de Igualdade-CIMM onde persoal especializado de CAVAS Galicia desenvolve un programa coeducativo para conciliar os tempos das familias ourensás nos períodos vacacionais das súas crianzas. As actividades están subvencionadas polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.