O Plan estratéxico responde ao obxectivo de dinamizar e fomentar o consumo no comercio local de Ourense, entendido nun senso amplo, que abrangue tanto o comercio retallista como a hostalaría. Preténdese adoptar medidas de dinamización e incentivo do consumo, que permitan por unha banda mitigar o efecto contractivo do gasto que pode causar a inflación e, por outra, e especificamente para o caso do comercio local, incentivar o consumo neste tipo de establecementos, propiciando a fidelización da clientela e o mantemento de hábitos de compra no comercio local
As axudas consistirán nun bono por valor equivalente a 100 euros, que será obxecto de desconto nas compras que se leven a cabo en comercios retallistas e establecementos de hostalería do municipio. Poderán ser beneficiarias dos bonos todas as persoas físicas empadroadas no Concello de Ourense na data de aprobación da convocatoria. Os bonos poderán ser trocados por descontos na adquisición de bens ou servizos en establecementos comerciais ou de hostalería abertos ao público no municipio de Ourense que teñan a consideración de microempresas ou pequenas empresas.
O custo previsto para esta actuación no exercicio 2023 é de 10.001.000 €, en concepto de axudas, xa que se pretende implementar unha liña que chegue de forma xeneralizada ao conxunto da poboación e teña un impacto suficiente sobre o tecido económico local. O plan de actuación para a execución desta liña estratéxica realizarase mediante a elaboración das correspondentes bases reguladoras da convocatoria, e conforme ás súas determinacións.