Concello de ourense

O Concello de Ourense encarga o proxecto para construir un ascensor entre a estrada da graxa e a praza 500

A actuación formará parte de “Ourense accesible”, plan de actuacións que desenvolve o Concello para mellorar a mobilidade nunha ducia de espazos urbanos

Óscar Gómez

Ourense | 24.03.2022 11:23

O Concello de Ourense encarga o proxecto para construir un ascensor entre a estrada da graxa e a praza 500
O Concello de Ourense encarga o proxecto para construir un ascensor entre a estrada da graxa e a praza 500 | onda cero

O Concello de Ourense encarga o proxecto de obra para construír un ascensor que comunique a estrada da Granxa coa zona da Praza 500, nas proximidades da Inmaculada. O goberno municipal encarga este proxecto coa finalidade de mellorar substancialmente a mobilidade peonil neste barrio da cidade, onde as fortes pendentes condicionan de xeito importante os desprazamentos da veciñanza.

Neste caso, o ascensor comunicará a estrada da Granxa coa rúa 501, nun tramo onde actualmente os peóns transitan a través dunhas escaleiras. Por este motivo, a intervención “suporía unha grande axuda á mobilidade para a veciñanza deste barrio”, explica o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen subliña que nesta zona a comunicación entre ambos viais ten que salvar un desnivel de 10 metros de altura, nun punto de especial importancia porque a rúa 501 dá acceso á Praza 500, un espazo público cun alto nivel de uso por parte da xente da zona.

O alcalde explica que este proxecto forma parte do plan continuado de accións “Ourense accesible”, que desenvolve o Concello, coa finalidade de mellorar a mobilidade vertical en diferentes contornas da cidade marcadas pola existencia de fortes pendentes.

Nunha primeira fase deste “Ourense accesible”, o Concello prevé executar proxectos destas características na rúa da Concordia, no barrio da Cruz Alta, e nas rúas Avilés de Taramancos, Arturo Pérez Serantes, Nicomedes Pastor Díaz, Alameda do Cruceiro, Coenga, Vasco Díaz Tanco, Amor Rubial, Rosalía de Castro e rúa San Francisco-acceso ao Auditorio. Tamén nesta liña de actuacións, o Concello ten en fase de estudio a instalación de ascensores na Rampa de Sás e agora na estrada da Granxa, a través deste proxecto.