Economía

O Concello de Ourense xa tramitou máis de 4.300 axudas a autónomos

Agora mesmo estanse tramitando unhas 100 diarias. O prazo para realizar este trámite remata esta semana, o 30 de outubro

Óscar Gómez

Ourense | 27.10.2020 08:10

Concello de ourense
Concello de ourense | Onda Cero

O Concello de Ourense, a través do Centro de Iniciativas Empresariais (CIE) leva tramitadas máis de 4.300 solicitudes de axudas a traballadores autónomos. Agora mesmo estanse tramitando unhas 100 diarias. O prazo para realizar este trámite remata esta semana, o 30 de outubro.

Das solicitudes realizadas, máis de 1.700 están xa listas para facerse efectivas e unhas 300 precisan ser emendadas por erros na instancia no proceso de tramitación. Os erros máis comúns ten que ver coa xustificación da vida laboral, a alta no Imposto de Actividades Económicas, a conta bancaria, etc.

O índice de denegacións é moi baixo, cinco en total. Os motivos son que non constaban como autónomos no prazo establecido, entre o 14 de marzo e o 10 de outubro. Estas axudas que ofrece o Concello de Ourense, a maior contía que ofrece un concello en España, vén motivadas polo cese ou redución da súa actividade ao que viron abocados moitos deles por razón do estado de alarma de marzo, pola crise derivada da pandemia do COVID 19.

As solicitudes poderanse seguir realizando, deica este venres, 30 de outubro, tanto de forma presencial como telemática, si ben, recoméndase este último procedemento.