O Concello de Ourense conta cunha nova oficina municipal no barrio da Ponte. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e os concelleiros Armando Ojea e Antonio Fernández asistiron a entrada en servizo das novas dependencias, coas que o Concello pretende prestarlle “un mellor servizo” á veciñanza do barrio da Ponte e de toda a zona norte da cidade, de xeito que teñan a posibilidade de realizar trámites municipais sen ter que achegarse até a Praza Maior.
A oficina, que até a semana pasada prestaba servizo na Praza Mestre Luis Fernández, trasládase desde hoxe a unhas novas dependencias, nos baixos da Alameda da Ponte, local número 8-c, na Avenida das Caldas, nas proximidades coa confluencia coa Avenida de Basilio Álvarez. A nova unidade da Ponte é “unha oficina moitísimo mellor para darlle un mellor servizo a todo o mundo”, asegurou o alcalde, que destacou que se trata dunha oficina “totalmente remodelada”. Abrirá ao público de luns a venres, de 8:30 a 14:30 horas.