Ourense Cidade

O Concello retomará a programación cultural do Auditorio cando se rebaixen as restricións sanitarias

"No momento en que se poida ocupar polo menos a metade do aforo, é a miña intención como alcalde programar”, afirma Pérez Jácome

Óscar Gómez

Ourense | 16.03.2021 09:15

O Concello retomará a programación cultural do Auditorio cando se rebaixen as restricións sanitarias
O Concello retomará a programación cultural do Auditorio cando se rebaixen as restricións sanitarias | onda cero

O Concello de Ourense retomará a programación de actividades culturais do Auditorio tan pronto como se rebaixen as restricións sanitarias derivadas da pandemia da COVID-19 e os espectáculos poidan ter unha maior afluencia de público. Así o manifestou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, á vista da evolución da situación epidemiolóxica da cidade, na que se está a rexistrar un importante e sostido descenso no número de casos de COVID-19.

O Concello acordara o pasado 15 de xaneiro pospoñer os espectáculos do Auditorio nun intre que, logo do cuantioso incremento no número de casos, a cidade de Ourense rexistraba unha cifra de 468 casos activos ante a que estabamos no nivel máximo de restricións, con toque de recollida e peche perimetral. Neste contexto, o alcalde anunciaba que se pospoñía a programación de actividades por un dobre motivo: “a inviabilidade de ter unha audiencia mínima e para poder aumentar a colaboración para a prevención en medidas fronte á Covid.

Dous meses despois, cando a cidade reduciu notablemente o número de casos -68 a día de hoxe-, o rexedor asegura: “Entendemos que a situación ten que estabilizarse, e no momento en que o Auditorio teña menos restricións e poidamos ocupar, polo menos, a metade do aforo, é a miña intención como alcalde programar e volver organizar actividades de diferentes artes escénicas”.