A exposición Os nosos entroidos, promovida polo Concello de Ourense, pechou a súa primeira semana con 1.550 visitas. A sala da exposición permanece aberta ao público dende o mércores 17 ao mediodía.
A xornada con máis visitantes foi a do sábado, cun total de 537 persoas, sendo preciso nalgúns momentos ter que agardar fóra para poder acceder a medida que fosen saíndo outros visitantes.
O interese que a mostra espertou fixo posible que nestes primeiros días se puidesen achar dous novos traxes tradicionais dos nosos entroidos, dos que proximamente se dará conta e se achegarán a esta exposición.
A mostra está composta por está formada por 110 pezas de 44 entroidos distintivos da provincia. Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a Morena de Laza. Porén, a exposición contará tamén con traxes descoñecidos para o grande público: amosaranse, por vez primeira, traxes recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia, en palabras de Francisco González, director da exposición.
Tamén están a Pita das Eiroás, a Paquita e o Nicanor de Seixalbo ou o Frei Canedo, figuras senlleiras dos entroidos da cidade.
O horario da sala Valente (rúa do Paseo 20, planta baixa) será de martes a sábado, de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas; os domingos de 11.00 a 14.00 horas. Os luns o espazo permanece pechado.