A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR que estubo en Pereiro de Aguiar. Alí a conselleira animou a locais e visitantes a probar os petiscos realizados con peixes e mariscos galegos que se poden degustar no marco desta campaña. Esta iniciativa da Xunta consiste en catro rutas gastronómicas que percorrerán preto de 260 municipios de toda España vencellados co Camiño de Santiago e nos que se servirán máis de 200.000 petiscos.
A Xunta busca enxalzar deste xeito a variedade e calidade dos produtos do mar galegos así como a gastronomía da comunidade. Ademais de estar hoxe no Pereiro de Aguiar, hai uns días estivo en Ribadavia mañá luns estará en Barbadás e o martes en Celanova. Nestas paradas os visitantes poden degustar 10 receitas que se elaboran con produtos certificados do mar como o berberecho de Noia, o bonito do norte ou o mexillón de Galicia, xunto con outros da terra con denominación de orixe como as fabas, o mel, os pementos, os queixos, o pan e as patacas. As persoas interesadas en visitar algunha parada das catro rutas de foodtrucks poden informarse nos perfís de redes sociais da Consellería do Mar onde se actualizan os datos referidos aos distintos percorridos.