Gadis facturou 1.569,15 millóns de euros en 2023, nun contexto aínda complexo no que seguiu absorbendo parte do aumento dos custos para non trasladalos completamente aos seus clientes. A compañía atribúe estes resultados positivos a seu modelo de negocio consolidado, que xera máis valor en toda a cadea, a unha maior eficiencia nas súas operacións e á confianza depositada polo seu máis dun millón de clientes.
A contribución de GADISA Retail ás arcas públicas elevouse ata os 155,06 millóns de euros, dos que 103,79 millóns corresponden a impostos e tributos e os 51,25 millóns restantes a cotizacións sociais. Tamén incrementou os seus fondos propios ata os 628,78 millóns de euros, como garantía de solvencia operativa. Os investimentos, orientados a mellorar a experiencia de compra dos clientes, á transformación da súa rede de tendas e a medidas para reducir o impacto ambiental, situáronse nos 13,79 millóns.
Compromiso coa economía, as persoas e o planeta
GADISA Retail segue afianzada como a empresa do seu sector que máis emprego xera e mantén na comunidade galega. O compromiso coa economía, as persoas e o planeta definen a folla de ruta da compañía no desenvolvemento da súa actividade empresarial. En 2023 incorporou a 342 novos profesionais ao seu equipo humano, con 8.558 traballadores en Galicia e Castela e León ao peche de ano. A esta cifra habería que engadir os máis de 1.000 empregos das súas franquías.
O propio modelo de negocio, que favorece a atención directa e personalizada nas seccións de produto fresco esixe unha maior profesionalización e impulsa o emprego cualificado, a maior parte de postos de traballo xeráronse nas áreas de produto fresco atendidas.
Desenvolvemento do territorio
Contribuír ao desenvolvemento do territorio e á construción dun tecido socioeconómico produtivo innovador e competitivo é un dos propósitos da compañía, que elevou a 570 millóns de euros as súas compras a máis de 2.500 provedores locais de Galicia e Castela e León, dos cales 1.017 son de produtos de alimentación. As relacións de confianza, caracterizadas pola estabilidade no tempo, con estes produtores de proximidade, moitos emprendedores, pemes e empresas familiares, favorecen o seu crecemento e expansión, xerando un ecosistema ao seu arredor que xera valor e afianza poboación en diferentes contornas urbanas e rurais. Ademais, o 98% das compras realizáronse a provedores españois.