Alimentación

Gadis no Top 10 das empresas do seu sector en España

A empresa volve ocupar o 7º lugar na clasificación sectorial do informe Merco Responsabilidade ESG España 2024, que avalía o desempeño ambiental, social e de gobernanza corporativa

Onda Cero Ourense

Ourense |

Gadis no Top 10 das empresas do seu sector en España
Gadis no Top 10 das empresas do seu sector en España | onda cero

Gadis sitúase de novo no top 10 nacional das empresas do seu sector máis responsables en termos de ESG (Enviromental, Social and Governance). O propósito da cadea de supermercados 100% galega de xerar impacto positivo na súa contorna a través da sustentabilidade económica, social e ambiental volveu a recibir o aval do informe Merco Responsabilidade ESG correspondente ao ano 2024, que acaba de ser presentado e no que Gadis figura no 7º posto.

O informe Merco, que cumpre a súa 14ª edición, inclúe ás compañías que desenvolven a súa actividade en España e que obteñen unha mellor valoración ao medir o compromiso co medioambiente e o cambio climático, a responsabilidade co equipo humano, a relación cos clientes e a sociedade, así como a nivel ético e de transparencia e bo goberno.

Única empresa galega de distribución no top 10

Supermercados Gadis repite como a única cadea galega de alimentación e distribución presente no top 10 da clasificación sectorial, o que confirma o seu obxectivo de mellorar o benestar social a través do desenvolvemento da súa actividade empresarial.

A compañía defende un modelo de negocio sostible en toda a cadea de valor, que contribúe á vertebración do territorio prestando un servizo esencial. Estimula un tecido produtivo socioeconómico innovador e competitivo a través das compras a máis de 2.500 provedores locais de Galicia e Castela e León, dos que 1.017 son de alimentación. As relacións a longo prazo cos produtores de proximidade favorecen a súa expansión, xerando un ecosistema ao seu ao redor que xera valor e afianza poboación en diferentes contornas urbanas e rurais.

A atención directa e personalizada nas seccións de produto fresco exerce de motor de atracción de novo talento e creación de emprego con perfís profesionalizados, ademais de contribuír á loita contra o desperdicio alimentario, fomentar o consumo responsable e diminuír o uso de envoltorios. Incentivar o consumo de produtos frescos nos puntos de venda tamén repercute positivamente a nivel social, económico e ambiental.