Infraestructuras

O goberno municipal apoia unha estacion de mercadorias en San Cibrao

O proxecto permitiría liberar máis de 100.000 m2 en Ourense- Empalme e destinalos a novos equipamentos e servizos públicos

Óscar Gómez

Ourense | 20.04.2021 08:13

O goberno municipal apoia unha estacion de mercadorias en San Cibrao
O goberno municipal apoia unha estacion de mercadorias en San Cibrao | La Voz de Galicia

O goberno municipal do Concello de Ourense proporalle ao Pleno do Concello unha declaración de apoio ao proxecto de construción dunha estación que centralice o transporte de mercadorías en San Cibrao, que impulsa a asociación de empresarios deste polígono industrial

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, trasladoulles esta mañá a todos os grupos políticos municipais un texto, para o que quere acadar o apoio unánime do Pleno, entendendo que esta iniciativa “resulta de extraordinario interese para a cidade de Ourense, pois ademais de contribuír ao impulso da actividade desta área industrial, motor económico da provincia, permitiría liberar do uso ferroviario unha superficie de máis de 100.000 m2 na estación Ourense Empalme, que se atopan afectados polo tráfico de mercadorías”.

Así, a declaración recolle dous puntos. Por unha banda, expresar o apoio do Concello de Ourense ao proxecto da asociación de empresarios do Polígono do San Cibrao das Viñas para a construción dunha estación de mercadorías nesta área industrial que centralice o tráfico de mercadorías e libere deste uso á estación Ourense Empalme. E, por outra, solicitarlle a ADIF que os terreos liberados por esta actuación sexan revertidos á cidade para a construción de novas infraestruturas, equipamentos e servizos que permitan mellora a calidade de vida da veciñanza.

A declaración do Concello lembra que na actualidade, Ourense e a súa contorna teñen tres áreas de movemento de mercadorías por ferrocarril: a estación Ourense Empalme; o Polígono Industrial de San Cibrao, onde existe unha derivación da liña de Zamora para o movemento de pensos para a empresa Coren; e a estación de Taboadela, onde se manexan os residuos sólidos urbanos que se envían por tren á transformadora de SOGAMA.

Hoxe en día, como explica o anteproxecto presentado polos empresarios, o 90 % das mercadorías móvense fóra da cidade, en San Cibrao e Taboadela, e só o 10% na Estación Ourense- Empalme. Porén, a ocupación da zona de mercadorías na cidade é duns 140.000 m2, con 16 vías que se estenden polo 70% da chaira da Estación- Empalme, máis os edificios, almacéns e plataformas de carga e descarga situados na parte oposta ao edificio de viaxeiros, en paralelo á rúa Río Arnoia.

A centralización do tráfico de mercadorías en San Cibrao permitiría liberar deste uso os terreos que actualmente ocupan na estación Ourense Empalme. Uns terreos que se poderían destinar a construír novas infraestruturas, equipamentos e servizos comunitarios que redunden nunha mellor calidade de vida para a veciñanza da cidade.

Cómpre lembrar que se trata de terreos que no seu día, alá polos anos 50 do pasado século, foron cedidos a RENFE para uso ferroviario, e que agora que se atopan infrautilizados.

Por todos estes motivos, e por acordo de todos os grupos políticos, o alcalde proporá ao Pleno do Concello que se posicione a favor desta proposta. Neste senso, o alcalde ten solicitado unha entrevista con ADIF para dar conta, entre outros asuntos, do posicionamento da cidade a prol deste proxecto.