Rosendo Fernández explicou que o goberno provincial “consciente da situación social de moitas das nosas familias, agravada pola crise da Covid-19, está comprometido con todas elas e por elo quixemos realizar un esforzo en relación á plantación dos campos de ensaio para poder dispoñer dunha cantidade suficiente de produto para poder distribuír entre diferentes entidades de apoio social”. Así mesmo, o presidente do Inorde quixo salientar “o gran labor que realizan numerosas organizacións da nosa provincia, como o Banco de Alimentos, para axudar e colaborar coas persoas sen recursos. Un traballo que resulta crucial e imprescindible para moitas familias ourensás e que quero agradecer en nome da Deputación de Ourense”.
Dentro das liñas de traballo do Inorde no ámbito agrario da provincia e, máis concretamente, no referente á asistencia técnica a dito sector, este organismo mantén desde fai máis de vinte anos unha finca de experimentación e investigación agraria no Concello de Sandiás, na que testa, experimenta e investiga todos aqueles factores relacionados co desenvolvemento agrícola. Así mesmo, este traballo serve de base para todas as actividades de transferencia de información que o Inorde realiza a través do Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro.
Para poder desenvolver este labor, na maioría dos casos o único xeito de acadar datos fiables é realizar plantacións dunha entidade suficiente, polo que se logran importantes cantidades de produción de alimentos de horta e de pataca, fundamentalmente.
Así mesmo, cabe destacar o compromiso do Inorde coa problemática social da nosa provincia que se materializa con actividades formativas e integradoras que todos os anos se realizan a través dun convenio con Cáritas Ourense, para dotar de ferramentas técnicas e sociais que permitan ao alumnado desempeñar un traballo no sector primario. A isto hai que engadirlle que os produtos agrícolas resultantes do traballo realizado durante a formación práctica, son entregados tanto no comedor social como nunha rede de parroquias colaboradoras, o que reforza esa implicación social desta iniciativa.