O PP de Ourense decidiu incorporarse de xeito temporal á Xunta Local de Goberno para evitar a parálise do Concello, ante a baixa por enfermidade grave do edil Telmo Ucha. A pesar das diferenzas existentes nos últimos tempos co goberno de Gonzalo Pérez Jácome, o PP de Ourense adopta esta decisión excepcional e extraordinaria por responsabilidade política, para garantir a xestión ordinaria do Concello, dado que a falta de quorum para constituír a Xunta Local de Goberno impediría o normal funcionamento do Concello.
A decisión do PP, ante a presente emerxencia sanitaria, pretende evitar que se cronifique aínda máis a parálise de Concello, e garantir un mínimo funcionamento da administración municipal, no medio desta pandemia, e nunha situación de Estado de Alarma como a que estamos a vivir. Polo tanto, a xestión da COVID será unha prioridade, así como os asuntos sociais e todos aqueles termas que sexan esenciais para a veciñanza de Ourense.
Lamentamos a falta de altura de miras do resto de grupos políticos que conforman a oposición, tendo en conta que se fai necesario antepoñer o interese xeral, por encima de intereses partidistas de cada formación política, sen que esta decisión supoña a volta do PP ao goberno municipal.
Trátase dunha decisión temporal, e extraordinaria, ante a gravidade da situación que estamos vivindo. Desde o PP de Ourense comprometémonos a facer unha oposición construtiva, colaborando cando a situación así o require, por encima das diferenzas persoais ou políticas que puidesen existir. Ademáis, o PP deséxalle unha pronta recuperación ao concelleiro de Democracia Ourensana Telmo Ucha e a súa reincorporación á vida municipal canto antes.