Gastronomía

Nova edición da campaña "Outono Gastronómico" con 73 casas rurais adheridas

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Celanova a XV edición deste programa que nestes 14 anos xerou ingresos no turismo rural por valor de máis de 4,4 millóns de euros.

Óscar Gómez

Ourense | 15.09.2021 09:39

Nova edición da campaña "Outono Gastronómico" con 73 casas rurais adheridas
Nova edición da campaña "Outono Gastronómico" con 73 casas rurais adheridas | onda cero

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada dos presidentes do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; da Federación Galega de Turismo Rural (Fegatur), Francisco Almuiña; e da Asociación Galega de Turismo Rural (Agatur), Juan Luis García, asistiu á presentación da campaña Outono Gastronómico na súa xa XV edición, na que participan 73 establecementos de turismo rural galegos e que se desenvolverá entre os días 17 de setembro e 19 de decembro de 2021.

Segundo explicou Nava Castro, esta campaña é unha aposta polos produtos turísticos galegos máis consolidados, deseñada para dinamizar a demanda turística despois da época estival e da que ao longo das súas 14 edicións celebradas ata agora xa se beneficiaron máis de 71.000 persoas que xeraron máis de 4,4 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa.

Nava Castro destacou que o éxito obtido nas edicións anteriores “consolida este programa como unha proposta ben contrastada e demandada polo público e polas casas rurais de Galicia” Así, engadiu, que neste ano 2021, malia continuar coa coxuntura sanitaria derivada da covid-19, Galicia está a ser apreciado polos visitantes coma un destino seguro, tal como demostran os datos de ocupación do verán, polo que tamén se prevé unha gran demanda nesta edición do Outono Gastronómico.

Para a directora de Turismo de Galicia, a campaña á que se suman ano tras ano máis establecementos é unha boa proba de que a colaboración público-privada no ámbito do sector turístico xera riqueza para o territorio e contribúe a dinamizar a nosa gastronomía e á promoción de produtos como os viños e os licores tradicionais da nosa comunidade.

Modalidades e programa de fidelización

O programa Outono Gastronómico en Turismo Rural de Galicia permite gozar dun menú así como contar co aloxamento aproveitando a gastronomía que presenta cada establecemento. Así, contémplase desde a posibilidade de cear nun dos establecementos adheridos ao programa (Menú Outono Gastronómico) a un fin de semana outono gastronómico (Paquete ou Fin de Semana Outono Gastronómico).

Tamén se ofrece o Outono plus, co que algunha das casas participantes, ademais da restauración e o aloxamento, porán á disposición dos seus clientes distintas outras actividades complementarias como paseos a cabalo, rafting, sendeirismo, visitas culturais, entre outros.

Como novidade, todas as casas rurais participantes incluirán nos seus menús produtos galegos con certificación de calidade avalados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural.

Este organismo organizará durante a campaña degustacións de produtos de calidade e actividades relacionadas co coñecemento dos provedores, que serán gratuítas e exclusivas para os clientes do Outono Gastronómico aloxados nas casas participantes.

Outra das novidades desta edición será o programa de fidelización denominado OuBono Gastronómico, un carné co que os clientes que contraten dúas Fins de Semana Outono Gastronómico recibirán outra gratuíta, dentro dun cupo de 25 oubonos que se entregarán por rigorosa orde de recepción en Turismo de Galicia. Toda a información sobre a campaña, establecementos adheridos e modalidades pode consultarse na web de Turismo de Galicia.