Deporte

Ourense reunirá en Expourense a elite do atletismo nacional co Campionato de España

O alcalde confía que a coincidencia do torneo e o Entroido dean lugar a unha “multitudinaria fin de semana na cidade”

Óscar Gómez

Ourense | 16.02.2022 09:22

Ourense reunirá en Expourense a elite do atletismo nacional co Campionato de España
Ourense reunirá en Expourense a elite do atletismo nacional co Campionato de España | onda cero

A cidade de Ourense será sede do Campionato de España de Atletismo en pista cuberta, que se desenvolverá do 25 ao 27 de febreiro na pista cuberta de Expourense. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome participou na presentación do evento, xunto aos presidentes da Federación Española, Raúl Chaparro, e Galega, Isidoro Hornillos, de Atletismo, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

Catro mil persoas da familia do atletismo daranse cita en Ourense, nunha competición deportiva do máis alto nivel, cuxa expectación foi tal que en apenas 5 minutos se venderon o 50% das entradas. O alcalde resaltou que este é o primeiro grande evento que se desenvolve na cidade de Ourense dispoñendo xa de tren de alta velocidade, que ademais coincidirá coa gran cita festiva que é o Entroido da cidade, polo que está convencido de que prazas hotaleiras cubriranse na súa totalidade nos próximos días.

Pérez Jácome reivindicou o atletismo como deporte rei, e base doutros moitos deportes ou actividades deportivas. Puxo en valor a importancia da pista cuberta de atletismo de Expourense como unha instalación que pon a cidade no mapa do deporte nacional. Trátase, dixo, dunha infraestrutura “que debería vir acompañada de moitas máis para evitar que Ourense siga discriminada”.

O rexedor subliñou que agarda que logo do aprazamento doutros grandes entroidos de España, como os de Cádiz e Tenerife, a coincidencia na última semana de febreiro de atletismo e Entroido dean lugar a unha “grande e multitudinaria fin de semana na cidade de Ourense”.