Cine

A película “O home e o can” triunfa no Festival de Cine de Madrid

O filme acadou seis galardóns: o premio da Crítica á mellor película, mellores actores protagonistas -Manuel Manquiña e Paula Chaves-, mellor montaxe, mellor guión e mellor dirección de cásting.

Óscar Gómez

Ourense | 24.10.2022 09:54

A película “O home e o can” triunfa no Festival de Cine de Madrid
A película “O home e o can” triunfa no Festival de Cine de Madrid | La Voz de Galicia

A película “O home e o can”, patrocinada pola Deputación de Ourense, converteuse na gran triunfadora da 31º edición do Festival de Cine de Madrid ao conseguir seis galardóns. En concreto, a película dirixida por Ángel de la Cruz -e que se estreou en setembro na inauguración da XXVII edición do Festival Internacional de Cine de Ourense-, foi recoñecida co premio da Crítica á mellor película, mellores protagonistas -para Manuel Manquiña e Paula Chaves-, mellor montaxe -para Alejandra Sotelo-, mellor guión -Ángel de la Cruz- e mellor dirección de cásting.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, felicita a todo o equipo artístico e técnico do filme á vez que celebra os éxitos dunha película “rodada integramente en Ourense dun xeito maxistral por Ángel de la Cruz, e que encaixa á perfección na nosa aposta por converter a esta provincia nun gran epicentro do audiovisual, con resultados do nivel desta ‘O home e o can”.

A película, producida por Ézaro Films e Caladiño Filmes tamén co apoio da CRTVG e que xa obtivera no Festival Internacional de Cine de Ourense o Premio do Público, triunfa agora en Madrid en versión orixinal en galego. O filme, “unha homenaxe ao neorrealismo italiano” segundo o seu director, é un drama que conta unha emotiva historia arredor da soidade dos maiores e o abandono do rural, con escenarios nun pequeno pobo de San Cristovo de Cea, localización onde se inicia e remata a historia, e unha vintena de lugares seleccionados da capital ademais das escenas rodadas no polígono de San Cibrao das Viñas.