Ourense Cidade

A Policía Local de Ourense incorporará 18 novos axentes en prácticas

O Concello incorporará outros 7 axentes a través dunha convocatoria por mobilidade

Óscar Gómez

Ourense | 24.05.2021 11:48

Policia Local Ourense
Policia Local Ourense | La Voz de Galicia

A Policía Local de Ourense incorporará o próximo luns, 31 de maio, 18 novos axentes que se suman ao corpo de seguridade municipal como funcionarios en prácticas. A Xunta de Galicia completou o proceso selectivo e designou as persoas seleccionadas para as 18 prazas para o ingreso no corpo de Policía Local de Ourense por quenda de acceso libre, incluídas na oferta pública de emprego do Concello de Ourense 2020. As persoas que obtiveron a prazas achegaranse esta semana ao Concello para completar trámites administrativos e asinar a aceptación das súas prazas para iniciar, desde o luns, un período de prácticas na Academia Galega de Seguridade Pública, na localidade pontevedresa da Estrada.

A Policía Local de Ourense incorporará outros sete efectivos en breve, a través dunha convocatoria de prazas por mobilidade que se está a desenvolver na actualidade. A chegada dos 25 axentes suporá un incremento do 30% do número de axentes da Policía Local de Ourense, que actualmente conta con 86 profesionais.

Os 18 axentes iniciarán o luns 31 de maio un período de formación que se desenvolverá até o 31 de xaneiro de 2022 na academia galega, alternado con períodos de prácticas na Policía Local de Ourense que se estenderán desde o 10 de xullo até o 5 de setembro, e desde o 23 de decembro até o 31 de xaneiro.

As prazas forman parte da Oferta Pública de Emprego do ano 2020 -aprobada o pasado verán, a primeira celebrada no Concello en máis de 5 anos-, que se marcou como principal obxectivo reforzar os servizos de Policía Local e de Bombeiros, fortemente afectados por xubilacións ao longo dos últimos anos. Así, a oferta de emprego para 2020 prevé a incorporación destes 25 policías municipais e tamén de 12 bombeiros-condutores.