O PSdeG-PSOE de Ourense acusa a Gonzalo Pérez Jácome de “despilfarrar” fondos públicos do Concello na realización dunha enquisa electoral “enmascarada” de estudo sociolóxico de interese público e denuncian que o alcalde “esquilma” as arcas públicas cunha cuestión “que debería ser sufragada con fondos de Democracia Ourensana”. Así as cousas, os socialistas adiantan que rexistrarán unha petición de información a través da sede electrónica do Concello para coñecer, canto antes, o custe dunha iniciativa que consideran “totalmente inadmisible e impropia”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense defenden que as enquisas son necesarias, “sempre e cando sirvan para coñecer as necesidades reais da cidadanía no ámbito da exclusión e da emerxencia social”; pero “non para que o alcalde obteña información electoral sobre o seu ambiguo futuro político nin para que o PP valore opcións en canto ao seu liderado na cidade”.
Neste sentido, dende o grupo municipal socialista advirten que no cuestionario da enquisa existe unha “sospeitosa permuta” do candidato do PP á alcaldía, Jesús Vázquez, polo concelleiro Jorge Pumar, un movemento que relacionan coa “man na sombra” do presidente da Deputación Provincial, Manuel Baltar.
“Non podemos permitir que o alcalde, xunto co PP, confunda deliberadamente os cidadáns, difuminando as fronteiras entre o interese público e o privado. Se queren facer unha enquisa electoral, que a fagan co diñeiro dos seus partidos, non co do Concello de Ourense” manifestan os socialistas ourensáns.
Así mesmo, reivindican que o desempeño institucional debe ser independente da axenda dos partidos, e que cuestións tales como as sondaxes sobre intención de voto dos cidadáns “en ningún caso deben levarse a cabo dende as administracións públicas, cuxa misión é salvagardar o interese público, protexéndoo de interferencias persoais, políticas e partidistas”.