O PSdeG-PSOE de Ourense acusa ao alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e aos seus socios de bigoberno, o Partido Popular de “paralizar” a cidade para intentar sacar adiante os seus “caprichos” electorais, sen rumbo nin previsión algunha. Os socialistas critican que o grado de execución orzamentaria é o “máis baixo da historia” dende 2011, con só o 41,9% executado, o que en palabras dos progresistas “denota a falta de xestión por parte do PP e DO”. Ademais, tamén apuntan a que dos 86 millóns dispostos para investimentos, tan só se aproveitaron 8 millóns, “o que supón que solo se realice un 9% de investimentos”.
Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que a execución orzamentaria “foi reducíndose considerablemente dende o último mandato dos socialistas ao fronte do Concello”. Neste senso, os socialistas apuntan a que “cos gobernos de Jesús Vázquez e de Pérez Jácome, a cidade entrou nunha situación de parálise e desleixo totais, por mor da falta de interese en executar o orzamento e realizar investimentos, máis aló de ocorrencias e proxectos sen percorrido”.
Os socialistas sinalan que os “caprichos” e as “ocorrencias” do alcalde “sairanlle moi caras a nosa cidade e a veciñanza” e pon como exemplo a “ausencia total de rumbo” en proxectos como as escaleiras mecánicas de Concordia ou a compra dos novos autobuses, “sen nin tan sequera ter os novos pregos para o servizo”. Proxectos que para o PSdeG-PSOE de Ourense “non son máis que unha hipoteca que asumirá a cidade máis pronto que tarde e que non está prevista en ningún orzamento”.
Para a vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense no concello, Natalia González Beneitez, a “incapacidade de xestión do bigoberno é evidente” e apunta tamén ao “despilfarro económico” nos contratos menores, nos que Jácome “non escatima” e nos que o Concello de Ourense “bate o récord de gasto máis importante da súa historia”. A edil socialista tamén sinala que “existe un desfase e falta de control no gasto en servizos tan sensibles para a cidadanía como o servizo de axuda no fogar ou a UCA”.
González Beneitez tamén alerta que “non haberá orzamentos nin en 2022, nin moi probablemente en 2023”, unha situación que provocará que o próximo goberno municipal “se vexa obrigado a realizar unha auditoría do estado das contas municipais despois do último mandato”. Neste senso a secretaria da executiva municipal na cidade tamén afirma que “Jácome dedicouse neste mandato a gastar recursos públicos sen ton nin son, bordeando a legalidade e sen mirar cara o futuro”.
Para o PSdeG-PSOE de Ourense a xestión económica do bigoberno “é unha ruína” e pon como exemplos o “disparado” capítulo de persoal co incremento de asesores ou os gastos pola “precariedade” das concesións municipais, que “aínda non foron capaces de sacar adiante”. A isto tamén se suma, en palabras dos socialistas, “o ego e os caprichos persoais do alcalde, pagados cos cartos de todos e todas os ourensáns e as ourensás”.