O PSdeG-PSOE de Ourense condena rotundamente que Manuel Baltar (PP) ampare, aplauda e defenda a Gonzalo Pérez Jácome, o alcalde agresor que pega a mulleres, tras “entrar en pánico” ao ver perigar, unha vez máis, o posto na Deputación Provincial que herdou a dedo do seu pai, José Luis Baltar. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense preguntámonos se a opinión de Baltar é a mesma que sostén o resto do Partido Popular, e se Rueda e Feijóo tamén coinciden con el.
Os e as socialistas están “fondamente preocupados e preocupadas” ante a “deriva ultra” na que Baltar “está a sumir” as institucións públicas democráticas, polos seus intereses persoais e familiares. Desde o PSOE ourensá destacan que soamente o “pánico máis extremo” pode explicar a súa comparecencia desta mañá, na que “defendeu a unha persoa que agride física e verbalmente a mulleres e outros moitos colectivos” e atacou a Rafa Villarino, o líder da oposición e do partido máis votado da terceira cidade de Galicia.
“Esta bochornosa reacción é un síntoma evidente de que ve perigar o seu futuro porque, entre outras razóns, teme que Alfonso Rueda, o próximo líder do Partido Popular de Galicia co que non ten boa sintonía, dea un paso á fronte e acepte impulsar unha moción de censura no Concello de Ourense, ante unha situación que xa é totalmente insostible”, destacan. “O equilibro de poder tambaléase trala marcha de Alberto Núñez Feijóo a Madrid, porque Baltar quedou só”, aseveran desde o PSdeG-PSOE antes de remachar que esta “extrema debilidade” tamén é unha consecuencia de “queimar a todos os concelleiros e concelleiras da cidade polos seus caprichos persoais”.
Desde o PSdeG-PSOE agardan que, ante a gravidade dos feitos da pasada semana, o aínda presidente da Deputación de Ourense convoque “canto antes” o pleno extraordinario e urxente solicitado polo grupo político maioritario da oposición, co fin de reprobar e pedir a dimisión de Jácome, o alcalde agresor, en defensa da “educación, o respecto e o decoro institucional” das corporacións local e provincial das que Jácome forma parte e de toda a veciñanza.
Tamén piden unha condena institucional unánime da brutal agresión e instan a Baltar e a Feijóo a romper todas as relacións ou acordos vixentes co alcalde agresor e coa súa formación, Democracia Ourensana. Así mesmo, propoñen manifestar apoio aos traballadores e traballadoras en folga.