O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “cambalache” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, coa Universidade Popular, despois de que o rexedor anunciara que estudará o traslado das competencias do programa formativo -que o Concello vén desenvolvendo dende hai 25 anos- á Deputación Provincial. Os socialistas aseguran que esta permuta responde a unha estratexia política de corte “feudal” pola cal Jácome “rende pleitesía a Baltar entregándolle a pouca cultura que queda na cidade a cambio de manterse na alcaldía”.
Dende o grupo municipal socialista aseguran que o rexedor mantén unha relación de vasalaxe co presidente provincial, para a cal emprega a cultura como “moeda de cambio”. Neste sentido, condenan que institucións senlleiras da cidade acaben “mercantilizadas” co fin de satisfacer intereses políticos e persoais, como xa sucedeu co Festival de Cine –que pasou das mans do alcalde ás de Baltar–, co Teatro Principal –que sufriu o proceso inverso, pasando da Deputación ao Concello– ou coa Escola de Artes e Oficios –competencia da Deputación, cuxa sede Jácome pretende converter nun bar-cafetaría–.
Deste xeito, lamentan que unha institución histórica como a UPO, “cunha gran compoñente interxeracional e que cumpre unha clara función de servizo público” sexa “mercantilizada por un alcalde-empresario que só entende a cultura como un negocio para o seu enriquecemento persoal”.
“Tanto o Festival de Cine Internacional de Ourense, como o Teatro Principal, a Escola de Artes e Oficios ou a Universidade Popular forman parte dese cambalache Concello-Deputación, e representan un intento encuberto de descapitalizar a cultura da cidade para desfacerse dela e entregala á iniciativa privada, como probablemente acontecerá co Auditorio”, aseguran os socialistas. “Toda unha operación de baleirado cultural”, conclúen.