O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e os seus socios de goberno do Partido Popular están a facer do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), un documento “frankenstein” coas modificacións que pretenden levar a cabo. Os socialistas denuncian que o documento é “inviable” e destacan a súa “perigosidade” para as arcas municipais, xa que abundan os intereses “particulares” por riba do interese xeral.
Trala xunta de área de urbanismo, infraestruturas, promoción económica, cultura, contratación e persoal, a que non acudiu a titular de urbanismo, a popular, Sonia Ogando, os socialistas alertan que o “mix” entre o PXOM do PP, “un documento cheo de pelotazos”, segundo afirmaba Pérez Jácome, e as propostas de modificación feitas polo propio rexedor e baseadas nos seus “caprichos e delirios”, rematarán coa “paralización” da tramitación do documento e finalmente “non será aprobado no que queda de mandato”.
Ante esta situación dende o Grupo Municipal Socialista esixen a convocatoria “urxente” da comisión de seguimento do PXOM, que xa levan reclamando en numerosas ocasións e que ata o momento non foi convocada polo goberno municipal da cidade de Ourense. Os socialistas tamén reclaman que se faga “pública” toda a documentación e que se “paralice” calquera acción que poida hipotecar o futuro da cidade e das arcas municipais, “como pretenden Jácome e os seus cómplices do PP”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense pídenlle ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de urbanismo, Sonia Ogando, a súa comparecencia “inmediata” para que aclaren publicamente ante a oposición e a cidadanía de Ourense que “están a facer co PXOM”. Os socialistas critican que trala xunta de área de urbanismo celebrada no día de hoxe “quedou latente que tanto o PP, como o alcalde escóndense para non dar explicacións das súas leas internas”. Unha clara alusión a ausencia de Ogando e Jácome na xunta de área celebrada no día de hoxe.
Os socialistas ourensáns no Concello de Ourense destacan, que con esta “fuxida cara adiante”, o único que conseguen o Partido Popular e Democracia Ourensana “é seguir danando a cidade e a institución”, o que en palabras dos edís do PSdeG-PSOE “supón un reflexo dun goberno municipal sen rumbo, ao que non lle preocupa o futuro da cidade e das súas xentes e que xa entrou en campaña electoral”.
O PSdeG-PSOE de Ourense afirma que “non permitiremos que se utilice o urbanismo e as vellas malas artes para aprobar un PXOM que non beneficia a Ourense”. Destacan que se trata dun documento “clave” para o futuro da cidade motivo polo que demandan a convocatoria da comisión de seguimento do PXOM, como xa fixeron no mes xaneiro deste ano e de xuño do 2021, cando Jácome anunciaba que ordenaría ao servizo de Planeamento Urbanístico e ao equipo redactor completar o expediente para proceder a súa aprobación provisional en pleno.
Así as cousas, dende o grupo municipal socialista acusan ao PP de ser “cómplices” das “manobras” do alcalde para usurpar o debate e obstaculizar o labor da oposición, ao tempo que esixen “responsabilidade política e altura de miras” para evitar outro “cambiazo” como o acontecido co PXOM de 2003 aprobado polo PP, un documento que fora aprobado polo goberno de Manuel Cabezas e tombado polo TSXG con nove sentenzas de anulación, e que derivou na entrada en vigor do PXOU do ano 1986.