O grupo municipal socialista anuncia que levará ao vindeiro pleno municipal unha iniciativa para instar ao goberno municipal a “recuperar xa” os programas e servizos de promoción da saúde que existían na Aula da Saúde das Lagoas, para a súa posta en marcha neste ano 2021. Neste sentido, os socialistas esixirán que o Concello realice as modificacións económicas necesarias e dote as instalacións do persoal de reforzo preciso para que os programas e servizos se poidan materializar.
“A Aula da Saúde das Lagoas, ao igual que a ludoteca contigua, son un claro exemplo de desmantelamento dos programas da Concellaría de Sanidade” apuntan os socialistas, ao tempo que denuncian que “unha infraestrutura municipal que contaba cun funcionamento óptimo entre 2009 e 2015” se atope “en condicións de precariedade” por mor do “desinterese dos gobernos municipais de PP e DO”.
“A Aula da Saúde das Lagoas dorme o sono dos xustos porque tanto o Partido Popular como Democracia Ourensana deixaron de lado as políticas de conciliación e fomento de hábitos saudables dende as súas responsabilidades institucionais”, lamentan.
Así as cousas, lembran que esta dotación chegou a acoller exitosos programas de saúde materno-infantil con actividades como os concursos de fotografía e talleres sobre lactación materna ou ioga e pilates para embarazadas, e aseguran que tamén existían programas de boas prácticas alimentarias e prevención activa da obesidade, así como unha aula de cociña na que se impartían cursos e talleres de hixiene e alimentación saudable ou mesmo asesoramento nutricional para os comedores escolares.