O PSdeG-PSOE de Ourense indagará ata o final os intereses “persoais”, “económicos” e “electoralistas” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, coa licitación da praza de abastos número 2 da Ponte. Os socialistas defenden que as “ansias” do rexedor por abrir a praza de abastos non poden hipotecar un proxecto “estratéxico” para a cidade e alertan que “non imos permitir que ninguén faga negocio coa licitación, nin que se explote de maneira irregular unha infraestrutura que ten que ser clave para o desenvolvemento económico do barrio da Ponte”.
os socialistas denuncian que o procedemento “arroxa sombras
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén deixan claro a súa postura favorable para que se proceda a apertura da praza de abastos, pero segundo explican “conforme a legalidade e con todas as garantías de que cando se abra perdure no tempo e non sexa unha apertura duns meses ou dun ano”. Os socialistas lembraron que Jácome comprometeuse no seu día a abrir a praza de abastos da Ponte nun prazo de 90 días, pero segundo manifestan “levamos case 3 anos e continúa pechada”.
Os socialistas tiveron acceso ao expediente de licitación da xestión da praza de abastos da Ponte, onde comprobaron que se lle notificou a licitadora un prazo de emendas para arranxar a solicitude e poder optar a xestión da praza. Esta notificación realizouse o 12 de abril e remataba o pasado día 22, pero tal e como explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense “temos coñecemento de que as numerosas eivas non foron corrixidas”.
Neste senso, os socialistas denuncian que o procedemento “arroxa sombras, xa non só pola solvencia económica da licitadora, ou pola súa falta de experiencia no sector, senón porque afloran intereses comerciais e persoais de Jácome”. Tamén alertan da posibilidade de que apareza un aval técnico a esa licitadora, “que só podería aparecer para a xestión da cafetería-restaurante” e lembran que no prego recóllese que “hai que abrir todos os postos da praza e non só a parte da cafetería, xa que se incumpriría”.
A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, resaltou que no caso de que non se emenden os erros, “o concurso volverá a quedar deserto e o alcalde non poderá cumprir a súa ansiada promesa”. A edil socialista tamén destacou que “imos estar enriba para que non pasen cousas estrañas” e fixo fincapé en que a praza de abastos da ponte “ten que ter unha xestión integral, un proxecto estratéxico e ser un factor de dinamización comercial para a próxima década, e non un chiringuito para os amigos de ninguén”.
Beneitez González tamén alertou que para abrir a praza “hai que acreditar solvencia económica, e a empresa que presentou a oferta, non pode acreditala por si mesma e tampouco presenta un proxecto de explotación para a xestión”. A vicevoceira do grupo municipal socialista tamén puxo o foco en que a licitadora “terá que asumir 200.000 euros para a posta en funcionamento e a apertura da praza, pero creemos que o Concello asumirá ese pago cos cartos de todos e todas, salvando a licitadora de facer ese investimento”.
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que esta situación “non pode durar máis, xa que ía para 3 meses e levamos 3 anos”. Neste senso tamén destacou que o barrio da Ponte “non pode seguir nesta situación, porque o edificio permanece pechado e o Concello de Ourense está perdendo a oportunidade de ingresar cartos”. O líder dos socialistas ourensáns puxo como exemplo o caso da praza de abastos número 1 “onde se perderon 3,5 millóns de euros de axudas do Estado e non hai ningún responsable deste xeito de actuar”.
Rodríguez Villarino tamén se preguntou “que vai facer agora o PP?, cando a concelleira, Sonia Ogando, asume a área de comercio” e destacou que “todos sabemos que o alcalde está negociando fóra do foco”. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén sinalou que os socialistas “imos buscar os responsables destes desmáns económicos” e apuntou que “imos a facer todo o posible para buscar alternativas e promover iniciativas para que sexa posible abrir a praza de modo legal e coherente”.