O PSdeG-PSOE de Ourense insta ao bigoberno municipal de Democracia Ourensana e Partido Popular a que deixe de desmantelar servizos públicos á cidadanía e a que desista, expresamente, da intención de pechar a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC). Os socialistas tamén lle esixen ao goberno municipal que potencie o funcionamento deste servizo, dotándoo de instalacións “centrais e accesibles para a cidadanía” e de persoal “máis numeroso e cualificado” para cumprir, con “maior eficacia, eficiencia e capacidade de atención”, as necesidades da poboación ourensá en materia de consumo. Neste senso, defenderán unha moción no pleno ordinario deste venres no Concello de Ourense.
A oficina da OMIC en Ourense leva 33 anos funcionando, un tempo no que recibiu case 154.000 consultas de consumidores, realizou 1.500 cursos de diversa tipoloxía e formación en materia de consumo en todas as etapas escolares, organizou 900 actividades relacionada ca formación da veciñanza, ademais de diferentes xornadas e publicacións. Con 3 persoas ao fronte a oficina ten asesorado e cumprido moitas funcións e tal e como alerta o PSOE ourensán “a cidadanía, agora mesmo, vai quedar sen elas polo capricho do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome".
Os socialistas acusan ao rexedor de Ourense de buscar desculpas “espurias” para pechar esta oficina, como cando afirma que a Xunta de Galicia “xa se encarga do consumo, ignorando que a propia normativa galega e española di que son as propias administracións locais, as que deben velar pola formación e educación dos consumidores”. Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que “ao longo destes anos a oficina da OMIC foi desleixada, con cambios sucesivos da súa localización e xa o último cambio, o máis pernicioso, é que pasa a formar parte de promoción económica, que está en mans do alcalde e xa sabemos o que pasa cando algo cae en mans de Jácome, que acaba pechando”.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, denuncia que con este peche, “a cidadanía queda sen cobertura, nun momento especialmente grave para as persoas máis vulnerables, que necesitaban deste servizo municipal e gratuíto”. O líder dos socialistas ourensáns remarca que a súa petición e que “se lle dea unha localización física central a esta oficina, como tiña nun principio e que se potencie con profesionais máis preparados, xa que as ferramentas de marketing son máis agresivas e especializadas e consumidor, en consecuencia, está máis indefenso”.
Rodríguez Villarino lémbralle a Democracia Ourensana e Partido Popular que “a obriga deste concello e defender, educar e formar á cidadanía con ferramentas coas que sexan quen de facer fronte a todos os abusos e fraudes que existen”. O voceiro do PSdeG-PSOE na cidade tamén relata que os socialistas “imos a defender aos cidadáns ante os abusos e fraudes e tamén os dereitos dos consumidores, como non podía ser doutra forma”.
Dende o Grupo Municipal Socialista critican que fronte a esta historia, o bigoberno de Ourense “pretende pechar a OMIC despois de 33 anos de servizos á cidadanía” e teñen claro que esta decisión “é arbitraria, pois carece de fundamento real e priva á veciñanza dun servizo gratuíto e esencial, que non exclúe materias á hora de atender, informar, formar e protexer as persoas consumidoras de Ourense, aportando unha indubidable utilidade ao Concello de Ourense ao longo dos anos”. Neste senso, os socialistas consideran que “chegou o momento de brindarlle ás persoas consumidoras de Ourense, unha OMIC sólida e con expectativas de futuro, e proporcionarlle, deste xeito, a información, competencia e defensa de dereitos que unha cidadanía activa e empoderada merece”.