O PSdeG-PSOE reclama “reformular” a atención primaria na provincia de Ourense, ante a “política negacionista” e “destrutora” do Goberno de Alberto Núñez Feijóo que ten a sanidade pública galega “asoballada”, segundo denuncian os propios profesionais sanitarios. Os e as socialistas reclamarán, a través dunha iniciativa na Deputación, iniciar a incorporación progresiva dun maior número de profesionais antes do fin de 2021 e tamén a executar de inmediato unha ampla mellora das condicións laborais e dos servizos prestados.
Ás portas do centro de saúde da Valenzá (Barbadás), na área metropolitana da terceira cidade de Galicia, a deputada provincial, Marga Pérez, destacou a importancia de reformular estes centros “porque son as portas de entrada” á sanidade pública. “Aquí temos aos grandes profesionais que fan as primeiras valoracións”, que cualificou de “importantísimas” antes de reclamar que se lles “permita a estes profesionais reclamar as probas necesarias” e non “cortarlles” solicitudes por motivos economicistas. Son actividades “fundamentais” para diagnosticar ou descartar patoloxías, dixo Pérez.
Pola súa banda, o alcalde de Barbadás, José Carlos Valcárcel, sinalou que “a liberdade na sanidade da que tanto falan determinados grupos políticos da dereita” comeza “porque todos os veciños e veciñas poidan ter unha sanidade pública axeitada ás súas necesidades”. Ante isto, reclamou “potenciar” este servizo básico impulsando a “profesionalización” do persoal sanitario; recuperando realmente a atención presencial nos ambulatorios ou evitando que os e as profesionais sanitarios estean inmersos en “tarefas administrativas que lles restan tempo de atención aos doentes”. O rexedor tamén agradeceu ao persoal do centro de saúde deste municipio ourensán o “fundamental traballo” realizado durante a pandemia.
Desde o PSdeG-PSOE denuncian que "hai tempo existen numerosas reivindicacións e queixas sobre a saturación do sistema", froito dunha "ineficiente xestión de recursos materiais e humanos a causa dos recortes executados polo Partido Popular dende a Xunta e, anteriormente, polo Goberno de España presidido por Mariano Rajoy".
Pola súa banda, o voceiro provincial, Rafa Villarino, insistiu en que, logo da pandemia, “é máis necesario que nunca retomar realmente a atención primaria presencial”, a través dun “novo modelo que permitirá reducir a gravidade de moitos doentes; evitar a cronicidade e facer unha sociedade máis xusta e igualitaria”. Villarino denunciou que “se non reformula” en base ás demandas dos e das profesionais do sector, en Galicia “seguiremos a estar os terceiros pola cola en canto a número de médicos, médicas, enfermeiros e enfermeiras do Estado” ou “os últimos en canto a atención de saúde mental”.
Os socialistas insisten en denunciar o “carrusel de problemas creado polo empecinamento da Xunta na súa estratexia de aminoramento, esmagamento e amputamento de servizos e profesionais”. Os datos son “vergoñentos”: Galicia é a terceira peor comunidade en ratio de médicos e médicas por habitante (450 por cada 100.000 habitantes coa media española en 480). Tamén é a terceira con peor ratio de enfermeiros e enfermeiras con 5,4 por cada 1000 (a media española está no 5,9 e a europea en 8). Igualmente temos a peor ratio en áreas como a saúde mental ou en pediatría.
Na iniciativa, ademais da mellora dos recursos humanos, ínstase ao goberno conservador do PP á mellora das condicións de eventualidade dos profesionais contratados de maneira descontinua dunha forma abusiva; á coordinación de servizos, ampliando funcións e capacitacións dos profesionais e a promover a conexión cos servizos de saúde mental, a través da distribución de zonas de referencia para cada equipo de saúde mental, con primeiras consultas nos propios centros. Igualmente reclaman implementar unha xerencia de atención primaria en cada Estructura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI), dotándoas de recursos e autonomía