Concello de ourense

Renovación do parque móbil da Policía Local coa incorporación de 10 novos vehículos

O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha e a xefa da Policía Local, María Barrera asistiron esta mañá á presentación de 10 novas unidades (5 patrulleiros, 4 furgóns de atestados e 1 vehículo sen rotular).

Óscar Gómez

Ourense | 09.12.2021 14:08

Renovación do parque móbil da Policía Local coa incorporación de 10 novos vehículos
Renovación do parque móbil da Policía Local coa incorporación de 10 novos vehículos | onda cero

O Concello de Ourense renova o parque móbil da Policía Local coa incorporación de 10 novos vehículos. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha e a xefa da Policía Local, María Barrera asistiron esta mañá á presentación de 10 novas unidades (5 patrulleiros, 4 furgóns de atestados e un vehículo sen rotular), que xa están á disposición do servizo, xunto cos 6 patrulleiros que se incorporaron no verán. O Concello continúa así a mellorar os recursos técnicos e humanos deste servizo municipal, ao que se incorporarán proximamente 20 novos axentes.

O concelleiro Telmo Ucha destacou que a chegada destes novos vehículos supón na práctica unha renovación total da flota que era “imprescindible” dada a antigüidade dos coches cos que até agora traballaba a policía municipal. Por este motivo, asegurou que “isto vai supoñer un antes e un despois nesta Concellería e demostra que se fala con feitos”.

O edil avanzou que a Policía Local incorporará tamén unha veintena de novos axentes a comezos do ano 2022, dos que 16 iniciarán un período de prácticas a finais do presente mes de decembro. Suporán tamén un notable reforzo do servizo, que conta actualmente con 86 axentes e 12 mandos.

Renovación practicamente íntegra da frota

Cos vehículos hoxe presentados na sede da Xefatura da Policía Local de Ourense, procedeuse a renovar de modo practicamente íntegro a frota de vehículos policiais coa fin de mellorar o desenvolvemento das funcións nas diferentes seccións e servizos das que se compón este corpo de seguridade.

Os 10 vehículos hoxe presentados: 5 vehículos patrulleiros sen kit de detidos, 4 furgóns de atestados para labores de policía xudicial de tráfico e 1 vehículo sen rotular para servizo policial, súmanse aos 6 vehículos xa operativos desde o mes de agosto para labores de patrullaxe (seguridade cidadá) con kit para detidos. Así mesmo en breve espéranse recibir 4 motocicletas para a sección de motoristas, o que se traduce na dotación dun total de 20 vehículos para o servizo policial todos eles debidamente equipados.

Todos os vehículos contan con dotación auxiliar e material de uso policial (incluídos chalecos antibalas así como tamén un equipo de detección de drogas en materia de tráfico e que se suma ao xa existente).