O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o traballo levado a cabo polos profesionais do sector vitivinícola en Galicia e o gran valor que este xera na comunidade, poñendo o foco no exterior. “Os viños son excelentes nas cinco denominacións de orixe (DO) e teñen cada vez máis aceptación nas exportacións, camiño ao que aínda lle queda moitas alegrías por darnos”, salientou.
O titular do Goberno autonómico fixo estas declaracións nunha visita aos viñedos da adega Joaquín Rebolledo, pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras. Durante o seu percorrido, no que estivo acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, destacou a importancia coa que conta o sector do viño na comunidade ao implicar a máis de 10.000 viticultores en toda Galicia en preto de 500 adegas e xerar un valor económico de produción en orixe de case 300 millóns de euros.
Neste sentido, o presidente fixo referencia ás boas previsións da vendima deste 2023, que apuntan que “pode ser moi boa, incluso superando aproximadamente nun 6 ou 7% o vendimado o pasado ano”, indicou en relación aos máis de 70 millóns de quilos colleitados na pasada campaña. Así, destacou que a DO Valdeorras é a máis adiantada das cinco denominacións de orixe existentes en Galicia, xa que leva recollido o 85% da súa produción.
un viño fantástico que forma parte da gastronomía de Galicia
Alfonso Rueda fixo referencia a outra das dimensións que implica o viño na comunidade como é o enoturismo, unha vía que, tal e como precisou, cada vez se está explotando máis. “Funciona moi ben noutros lugares onde tamén teñen un viño de moita calidade e aquí, dende logo, xa o está empezando a facer e creo que por aí temos que seguir apostando”, destacou.
A este respecto indicou que se trata dunha iniciativa que pode “complementar o principal que se fai: un viño fantástico que forma parte da gastronomía de Galicia e a complementa moi ben e que cada vez é máis coñecido en España e fóra das nosas fronteiras, polo que se o mesturamos co turismo pode ter tamén moitísimo percorrido”, asegurou.
Durante a visita de hoxe, Alfonso Rueda quixo agradecer tamén o esforzo de todos os profesionais asociados ao sector e desexoulles ánimo para esta recta final da vendima.