O xurado acordou conceder o premio á reportaxe “La UVigo ensaya cómo reducir la corrosión mediante la impresión 3D de hormigón” da xornalista Sandra Penelas Padrón, publicada o 8 de outubro de 2023 no diario Faro de Vigo. Afonda nun proxecto nacional liderado por enxeñeiras da Universidade de Vigo que avalía de forma pioneira os beneficios da impresión 3D de formigón. Destaca que estes cementos condutores protexerán as estruturas porque pesan menos e reducirán os custos e o impacto ambiental do sector da construción, posto que, segundo apunta, “só a industria do formigón é responsable do 8% de todas as emisións que chegan á atmosfera”.
O xurado salienta que “desde o punto de vista da divulgación da ciencia que se fai en Galicia, pon en valor o labor de dous grupos de investigación que están a desenvolver o proxecto, así como a posible transferencia dos resultados da súa investigación á industria”. Desde a Academia remarcan ademais “a contribución desta peza á visibilización do papel da muller na ciencia, dado que as investigadoras principais son todas mulleres, especialmente nun campo onde a porcentaxe feminina é inferior á masculina, como é a enxeñaría”. A galardoada recibirá unha dotación de 5.000 euros.
Elisabet Fernández gaña o segundo premio
Outorgouse un accésit á segunda peza mellor valorada, a reportaxe titulada “La élite alimentaria capta 2,5 millones en un año desde Ourense” de Elisabet Fernández González, publicada no xornal La Región o 29 de novembro de 2023. É un percorrido polo traballo dos grupos de investigación do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus de Ourense, unha agrupación estratéxica que aglutina a un centenar de científicos do ámbito agroalimentario. Desenvolven proxectos moi vencellados ao territorio, detectando fraudes no queixo, mellorando o viño, revalorizando a pel da pataca... ata a elaboración de pan para celíacos con fariña galega.
Valorouse que se trata dun “amplo traballo xornalístico sobre a investigación no eido alimentario nun dos campus galegos, no que entrevista a investigadores de distintos grupos de investigación e de distintas xeracións e pon sobre a mesa cuestións relevantes para o ecosistema galego de I+D+i como o retorno de talento a Galicia e o fomento das vocacións femininas na ciencia”. Así mesmo, o xurado destacou a inclusión dun código QR que remite a unha reportaxe audiovisual da visita da xornalista aos laboratorios, “un recurso que contribúe a chegar mellor á sociedade”.