Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, estase a desenvolver ata mañá venres no Parque Tecnolóxico de Galicia, baixo o lema da “Economía Circular”. A finalidade desta proposta é espertar as vocacións científicas entre o alumnado de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Celébrase en colaboración coa Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia; e co patrocinio da FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación).
Gañadores do Desafío científico
O gañador na categoría de Primaria foi o equipo “As Ecolóxicas”, integrado por Estela, Mara e Sofía, do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra). Apostaron pola reciclaxe dos xoguetes a través de diferentes opcións, en particular facendo obras de arte e tamén concienciando aos máis novos e ás súas familias da importancia de non tirar un xoguete polo feito de que estea usado ou mesmo roto. Así, tamén propoñen doalos a organizacións benéficas para darlles unha segunda vida. Para apoiar esta idea, fixeron un rap, titulado “A rap das ecolóxicas”, para contribuír a difundir a súa proposta.
Na categoría de primeiro a terceiro de Educación Secundaria gañou o equipo “El Bicho Científico”, do IES Primeiro de Marzo de Baiona, formado por Leo e Artai. O seu proxecto centrouse na deforestación. “Como vivimos en Galicia, unha comunidade na que hai moitas árbores, pensamos que este problema tamén nos pode afectar, polo que defendemos que se deben plantar máis árbores e reciclar o papel para non ter que depender tanto dos bosques” -salientan os rapaces-.
Pola súa parte, na categoría de cuarto de Secundaria a Bacharelato gañou o equipo “A Trapados”, do IES Ribeira do Louro do Porriño. Son Andrés, Nicolás e Sergio, de segundo de Bacharelato. No seu vídeo fan unha comparativa entre utilizar botellas de plástico e botellas reutilizables, co fin de fomentar o uso das reutilizables. Segundo as súas cifras, en España empréganse 3.500 millóns de botellas de plástico de auga ao ano, o que implica un elevado consumo enerxético que podería evitarse.
Buscando solucións á excesiva produción de lixo
O alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP está a participar en tres talleres diferentes. “Da liña ao círculo”, amósalles a posibilidade de deseñar un cambio positivo para o futuro, achegándose á economía circular a través de xogos interactivos e educativos, ensinándolles como as accións individuais teñen a capacidade de contribuír a un cambio, resolvendo problemas do mundo real.
No taller “Dálle a volta ao usar e tirar”, o alumnado realiza unha experiencia que evita contaminar 200.000 litros de auga, ao converter refugallos domésticos nun líquido valioso. Para iso recurren a unha fórmula mellorada da que empregaban as nosas avoas porque -tal como indican os divulgadores científicos que dirixien estas propostas- “a economía circular xa existía moito antes de que se cuñase esta expresión nos anos 80”.
No taller “O Lixo Vertical” estanse a desenvolver diversas experiencias para mentalizar aos rapaces sobre a excesiva produción de lixo. Trátase de animalos a que observen e reflexionen sobre a inmensa montaña de lixo que os acompaña.
“A aventura de voar”
Os rapaces e rapazas de Secundaria e Bacharelato que expoñen os seus proxectos na feira tamén están a participar no taller “A aventura de voar”, que se desenvolve na Aula Newton Galicia instalada en Tecnópole. O obxectivo é que o estudantado teña a oportunidade de descubrir o mundo da navegación aérea a través dunha actividade interdisciplinar na que aprenden como se crea e interpreta unha carta aeronáutica para posteriormente recibir instrucións de voo nun simulador profesional.
Outra das actividades dirixidas aos participantes nos stands de Galiciencia é un taller sobre minerais estratéxicos, que se imparte en colaboración coa Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo. Trátase de que coñezan cales son os minerais estratéxicos no contexto do cambio de paradigma cara a unha economía circular e as súas principais propiedades.
Espectáculo de ciencia
No marco de Galiciencia, esta mañá celebrouse un novo espectáculo de ciencia. O propósito desta experiencia é que os máis novos descubran que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos, intentando provocar nos rapaces unha reflexión sobre a importancia da ciencia e a tecnoloxía e a relevancia de decidir o futuro profesional dun xeito libre e sen barreiras físicas nin mentais.
Baixo o título “Falamos de Economía Circular”, o divulgador científico David Ballesteros, director das aulas de investigación para mozos do Parque Tecnolóxico de Galicia, é o
responsable de conducir estes espectáculos. Tal como el mesmo explica, “o consumo actual é insostible a medio prazo. A problemática medioambiental agrávase cada ano e faise preciso un novo modelo de consumo baseado na economía circular”. Así, nestas sesións abórdase a situación actual do planeta e o modelo económico cara ao que debemos ir. Os rapaces poden ademais interactuar nesta experiencia a través dos seus dispositivos móbiles.